La Ventana Metropolitana
Sociedad

A "Xeración Xa!" de Nigrán deseña os campamentos creativos deste verán

O concello ofrece cinco campus semanais de balde, escollidos polas crianzas e impartido por profesionais da comarca

"Xeración Xa!" de Nigrán

As nenas e nenos de Nigrán asumiron este ano o reto de deseñar os plans de ocio infantil que, ata agora, programaba o Concello. Deste xeito, o órgano municipal de participación infantil e xuvenil autonomeado como "Xeración Xa!", apostou nas súas asambleas mensuais por organizar campus máis creativos ou artísticos que complementen aos deportivos que, tradicionalmente, xa ofrece o Concello xunto aos clubes do municipio e cuxo prazo de inscrición tamén está aberto.

Más información

Este ano, durante o mes de xullo e de luns a xoves gratuitamente, o Concello ofrecerá no Centro da Terceira Idade da Ramallosa seguintes cursos:

  • Campus de graffiti e camisetas personalizadas a cargo de Seek Selff, do 30 de xuño ao 3 de xullo
  • ‘Introdución ao barro e creación libre’, con Nerea Vila, do 7 ao 10 de xullo
  • ‘Manga e cómic’, con Coral Martínez, do 14 ao 17 de xuño
  • ‘Alimentación, cociña e nutrición’, con Iria Otero e Ramón Moes
  • ‘Guitarra’ con Gain Over

Entre os 9 e os 14 anos

Todos están dirixidos a crianzas de 9 a 14 anos, con prioridade empadroados, e se desenvolven de 10:00 a 13:00 horas. A inscrición está aberta ata esgotarse as prazas e é a través da Oficina de Información Cidadá ou no 986365000, poidendo cada crianza inscribirse nun máximo de 2 campus.

“Aproveitando que a planta baixa do centro da terceira idade da Ramallosa está actualmente vacía e que é un sitio neurálxico, imos darlle uso coa programación que eles deseñaron”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña o orgullo que supón “contar cunha infancia e adolescencia comprometida e participativa que permite ao Concello deseñar de verdade as políticias culturais, sociais ou medioambientais que eles mesmo deciden, sen imposicións desde un punto de vista só adulto”, considera.

A "Xeración Xa!"

A ‘Xeración Xa!’, o consello de participación infantil creado polo Concello de Nigrán no ano 2021, está constituído por crianzas de diferentes centros educativos do municipio e reúnese durante o curso escolar mensualmente, destas asambleas xurden propostas que trasladan directamente ao goberno local, como foi o caso destes campamentos.

Entre os seus integrantes está Cayetana Guede (IES Val Miñor) e Carmen Vázquez (CEIP Humberto Juanes) quenes recolleron este ano o testemuño de Martín Rey como voceiras da infancia e da mocidade de Nigrán en toda Galicia, polo que representan ao Concello de Nigrán no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA), un espazo de diálogo e consulta que depende da Xunta de Galicia.

Cidade Amiga da Infancia

Todo este traballo e outras iniciativas fixeron posible que o Concello de Nigrán fose recoñecido o ano pasado por Unicef como ‘Ciudad Amiga de la Infancia’, isto implica ter en conta dunha forma efectiva e medible as voces, necesidades e prioridades das crianzas a través das decisións políticas, como é este caso.

“Desde o Concello de Nigrán estamos moi orgullosos de contar cunha mocidade comprometida e participativa que nos permite construír un municipio de verdade amigo da infancia. É a nosa obriga escoitar á infancia, eles non poden ser cidadáns de segunda polo feito de non votar”, reitera o alcalde, Juan González.