O Porriño acolle a presentación de "As obras póstumas", a premiada novela de Diego Giráldez
A cita será o vindeiro xoves ás 20:00 horas

Cartel da presentación.

Vigo
Ao recoñecido escritor Diego Giráldez, presentará primeiro "na súa casa" a súa última novela "As obras póstumas", gañadora do prestixioso Premio Blanco Amor. A cita será o vindeiro xoves ás 20:00 horas e promete mergullar aos asistentes nunha historia tan sensible como intrigante.
"As obras póstumas" narra a historia de Pilar Fonte, unha escritora que, tras ser diagnosticada cunha demencia agresiva, recibe o encargo de escribir unha obra póstuma. Con gran dificultade, Pilar comeza a ditar fragmentos da súa vida a unha amiga que a asiste, centrándose na súa peculiar relación co centro psiquiátrico San Simeón. Dende a fiestra do seu cuarto, Pilar observou este lugar dende a súa infancia, pero a súa conexión co centro vai moito máis alá dunha simple veciñanza, revelándose moito máis profunda e inesperada do que ela mesma puido imaxinar. O vínculo coas persoas que habitan o psiquiátrico resulta ser sorprendentemente poderoso.
A novela, que transita entre o realismo máxico e a dúbida constante sobre a fiabilidade da memoria, guía ao lector a través dun relato cargado de sensibilidade e, ao mesmo tempo, de gran frescura. Giráldez convídanos a entrar nunha "casa vella chea de mobles protexidos por sabas", unha metáfora que evoca a retirada desas cubertas para descubrir os estragos e as pegadas do paso do tempo, tanto nos obxectos como nas vidas.
A presentación será unha oportunidade única para coñecer de preto esta fascinante obra e conversar co seu autor, Diego Giráldez.




