A MIT presenta nova imaxe
E avanza algúns dos espectáculos
Presentación da nova imaxe da MIT de Ribadavia. / Cadena SER
Ribadavia.
A nova imaxe da Mostra Internacional de Teatro inspírase nalgúns elementos propios da esencia do festival e do seu contexto, Ribadavia: a pedra granítica e a vexetación silvestre únense a personaxes e figuras que recordan unha montaxe teatral. A creadora galega Montse Piñeiro (ilustradora, ceramista e deseñadora, vinculada tamén ás artes escénicas) foi a encargada do deseño desta imaxe, que desenvolveu en diálogo coa nova dirección artística.
A dirección artística da 41ª edición, está marcada polo relevo neste cargo, que pasa por primeira vez ás mans dun equipo feminino: a sua directora, Sabela Mendoza, e a directora adxunta, Gena Baamonde. Destacan que "esta 41ª edición da MIT é unha edición de transición. Este ano comezamos a traballar nalgunhas das ideas e liñas culturais que nos gustaría traer para o festival, cunha clara aposta pola contemporaneidade e a diversidade, pola mirada feminista, polos formatos híbridos e a dilución das etiquetas”.
Así, por exemplo, este ano poderán verse varios espectáculos de compañías galegas que contaron con apoios á produción por parte da MIT, como son: Reconversión de Ibuprofeno Teatro, escrito e dirixido por Santiago Cortegoso, un espectáculo entre o íntimo e o político arredor da reconversión no sector naval na Ría de Vigo; Non Pasarán de Ártika Cía, con dramaturxia de Vanesa Sotelo e Tito Asorey, que trae unha reflexión sobre a cidadanía e o medo aos “outros” a partir da historia dun lugar sacudido por unha vaga de incendios provocados; e Profetas de Ítaca Teatro, peza que leva a escena un texto de Ernesto Is gañador do Premio Abrente e que presenta o encontro íntimo dunha parella que xa non o é, baixo a dirección de Carlos Álvarez-Ossorio. Estas pezas poderán verse nos días 23, 20 e 25 de xullo respectivamente.
Ademais, como novidade, este ano súmase o apoio a unha produción estatal, a obra Tierras raras de Luz Arcas / La Phármaco, en coprodución con Mercat de les Flors de Barcelona e Ma-scène national Pays de Montbéliard (Francia) e coa complicidade de Teatro Central de Sevilla e MIT Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Estreada recentemente en Madrid, a obra terá a súa estrea galega na Mostra. Unha montaxe que reúne baile e cante en directo para falar do choque entre os tempos xeolóxicos e os ciclos humanos. A obra poderá verse o día 25 de xullo no Auditorio do Castelo.
Nesta liña de apoio á creación, renovan a colaboración coas Residencias Paraíso do colectivo RPM, que traerán á dupla formada pola coreógrafa e bailarina Natalia Fernandes e a artista visual Marta Azparren Azparren co seu proxecto Dormidos y cerrados los ojos bailan, en residencia na Igrexa da Madalena e que finalizará cunha mostra aberta ao público.
Pero ademais, reforzan o espazo de apoio á creación a través doutras residencias artísticas, que poñen o foco nos procesos artísticos comunitarios. La Volátil, novo colectivo artístico que reúne aos galegos Irene Moreira e Álex Sobrino coa andaluza Rosa Romero, estarán traballando no seu proxecto Pan, nubes y chocolate a través dun obradoiro participativo e dunha labor de recollida de memorias esquecidas, lugares historias persoais ocultas. Será a primeira vez que se presenta públicamente este colectivo que establece unha ponte ientre Galicia e Andalucía. Tamén acóllese en residencia, en colaboración co Centro Dramático Galego, á autora e directora escénica portuguesa Patricia Portela, co seu proxecto Os passadores que pretende abordar cuestións de nacionalidade e emigración na actualidade, a partir da recollida de historias reais sobre exiliados, fuxitivos e pasos de contrabando do período entre 1936 e 1975 en España e Portugal. Portela desenvolverá tamén un obradoiro comunitario e un traballo de pescuda sobre Ribadavia e os lugares de fronteira máis próximos con Portugal. Nas próximas semanas a Mostra abrirá o período de inscrición para facer parte destes dous procesos, que rematarán ambos nunha mostra aberta na xornada do 23 de xullo, coa participación das persoas inscritas.
Especial mención merece tamén a celebración dos 20 anos do Premio Abrente de Textos Teatrais, para a que temos previsto un evento especial na tarde do 24 de xullo, coordinado pola actriz e comunicadora cultural Rosa Puga, que consistirá nunha lectura colectiva de fragmentos seleccionados dos textos premiados nestes anos, coa participación de convidadas e convidados especiais, e o anuncio final do Premio deste ano. O evento contará tamén coa colaboración de A todas luces, o podcast cultural da revista Luzes conducido por Lois Branco Araúxo.
Outra das liñas que acompañará a programación de espectáculos será a de formación escénica. Nesta edición haberá un curso de máscara neutra con Mar Navarro e un curso de clown con Roi Borrallás, ambos en colaboración coa Asociación Galega de Clowns. Asemade en colaboración coa Asociación Galega de Actores e Actrices, acollen unha proposta moi especial, El desenterrador de Societat Doctor Alonso, un dispositivo para investigar e afondar na palabra, no seu sentido orixinal e a súa relación co corpo, baixo a dirección de Sofía Asencio e Tomás Aragay. A compañía presentará tamén o seu espectáculo máis recente, Hospital de Campo, unha obra que aborda, dende códigos de humor e ironía, temas relacionados coa enfermidade e a curación, e que poderá verse o sábado 19 de xullo no Auditorio do Castelo.
A programación completa, que este ano inclúe un total 23 representacións escénicas e outras actividades paralelas, será presentada o próximo 26 de xuño. Porén, a falta de coñecer aínda todo o que a MIT ten preparado, o alcalde, César Fernández, asegurou “estar seguro de que nos vai gustar. Sei que o público estará encantado e que Ribadavia volverá a ser, unha vez máis e coma sempre, a ‘capital galega do teatro’ pero, ademais, este ano con ánimo renovado, con nova forza e ilusión para afrontar tamén o futuro con ese impulso e coa sorte e responsabilidade de ter detrás xa máis de 40 anos de historia”.
A MIT contará un ano máis co apoio da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais – Xunta de Galicia), a Deputación de Ourense e o Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM) – Ministerio de Cultura; entre outros patrocinadores e apoios que fan posible unha nova edición da MIT que entra xa na súa conta atrás.