Marcha a Gaza: un movemento cívico bloqueado en Exipto
Xosé Abad explica como se intentou forzar a apertura de Rafah

Xosé Abad, fotoxornalista, explica como se intentou forzar a apertura de Rafah á Marcha a Gaza
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
A Coruña
Os integrantes galegos da Marcha a Gaza están de regreso a Galicia tras ser retidos en Exipto. Entre eles atópase o fotoxornalista Xosé Abad, quen relatou desde O Cairo como viviu esta iniciativa cidadá que pretendía chegar a Rafah para reclamar a apertura da fronteira e permitir a entrada de axuda humanitaria na Franxa de Gaza.
Un movemento cívico e pacífico
En conversa con este medio, Abad explicou que a Marcha a Gaza naceu como resposta á «fartura» ante «un xenocidio retransmitido en directo, como nunca antes se vira na historia da humanidade». Segundo as súas palabras, trátase dun movemento independente e apartidista, formado por miles de persoas de máis de 80 países, que querían manifestarse pacificamente para esixir a entrada de axuda humanitaria en Gaza.
«Había millóns de persoas que moralmente estaban con nós, aínda que por dificultades económicas, de tempo ou polo risco non puidesen estar fisicamente», indicou o fotoxornalista.
Obstáculos e represión en Exipto
O obxectivo era percorrer 50 quilómetros a pé polo Sinaí, ata a cidade fronteiriza de Rafah. Porén, o goberno exipcio, aínda que non prohibiu oficialmente a marcha, tampouco a autorizou e, de facto, impediu a súa realización mediante controis, detencións e deportacións.
«Chegaron 4.000 persoas, pero 400 foron deportadas no aeroporto por levar sacos de durmir, tendas de campaña ou símbolos palestinos», explicou Abad. Aínda así, moitos participantes intentaron avanzar en coches particulares, pero foron interceptados pola policía, que reteu os seus pasaportes durante horas e bloqueou o paso.
«Ao final foi imposible continuar. Houbo represión, detencións e algúns malos tratos. Intentáronse alternativas, pero era evidente que poñer en risco a máis persoas non tiña sentido», relatou.
Unha protesta que si acadou o seu obxectivo principal
Aínda que non conseguiron chegar fisicamente a Gaza, Abad subliña que a marcha si cumpriu a súa meta de visibilizar o bloqueo e a crise humanitaria: «Foi frustrante, pero non un fracaso. Logramos que a prensa internacional falase desta violación flagrante dos dereitos humanos. Conseguimos empatía e apoio de millóns de persoas que non soportan seguir vendo esas imaxes cada día».
Crítica á pasividade da comunidade internacional
O fotoxornalista galego mostrouse moi crítico coa falta de reacción dos gobernos: «O poder do Estado sionista ten complicidades enormes. Todo o mundo sabe o que está a pasar, pero o horror superou todos os límites. Mandan os intereses económicos e o poder, e iso frea respostas contundentes».
Abad lembrou que, mentres tanto, a cidadanía ten pouca capacidade de manobra se non se organiza: «Non podemos consentir isto como seres humanos civilizados. Se mañá nos pasase a nós, que esperaríamos do resto do mundo?»
Un testemuño comprometido
Ademais de participar na marcha, Xosé Abad está aproveitando a súa estancia en Exipto para retratar a realidade dun país «caótico e cheo de contrastes». A súa ollada crítica e a súa cámara seguirán ao servizo de denunciar inxustizas e dar voz aos esquecidos, tal e como vén facendo ao longo da súa traxectoria.




