Política

O Concello activa o plan “Xinzo Paso a Paso”

O consistorio instalará cámaras de control de tráfico para limitar o acceso de vehículos non autorizados

O Concello de Xinzo de Limia comeza a implantar un novo plan de reorganización da mobilidade baixo o nome “Xinzo Paso a Paso”. O obxectivo, segundo explica o Goberno local, é "recuperar espazo para as persoas e avanzar cara á peonalización integral do centro histórico".

A principal actuación será a instalación inminente de cámaras de control de tráfico en catro rúas da vila, tres delas na nova zona peonil: Santa Mariña, Lepanto, Jesús Carlos Romero Nieto e Otero Pedraio. Estes dispositivos, conectados cun sistema de xestión automatizado, rexistrarán as matrículas dos vehículos e emitirán sancións automáticas a aqueles que incumpran a normativa.

A restrición non será absoluta: poderán acceder residentes, servizos de urxencia e repartos no seu horario habilitado, de 07:00 a 10:30 h, para tarefas de carga e descarga. O Concello habilitará un rexistro presencial para que as persoas autorizadas poidan dar de alta as súas matrículas.

Ademais, as novas cámaras contarán cun sistema de control de peso, que limitará o acceso exclusivamente a vehículos tipo turismo. Isto impedirá a entrada de camións e vehículos de gran tonelaxe, reducindo o impacto ambiental e físico no centro da vila.

Este plan de mobilidade ponse en marcha de forma paralela ao comezo das obras de humanización da travesía da N-525, e está deseñado como unha estratexia a longo prazo para avanzar cara a un modelo de vila sostible, ben planificada e centrada nas persoas.