"Habitar o baleiro": un documental para dar voz ao rural esquecido
A exposición fotográfica que dá orixe a este proxecto pode visitarse agora mesmo no Museo Quiñones de León de Vigo

"Habitar o baleiro", a exposición que quere ser un documental

O colectivo "Habitar o baleiro", en colaboración coa produtora viguesa Metropolis.coop, lanzou unha campaña de crowdfunding para financiar o seu vindeiro documental. O obxectivo é levar á gran pantalla o exhaustivo traballo de documentación que o grupo, formado por xornalistas, fotógrafos e profesionais do audiovisual, vén realizando sobre o despoboamento e a vida no rural galego.
A meta óptima da campaña é acadar 102.100 euros. Estes fondos destinaranse a sufragar os custos de gravación sobre o terreo, especialmente nas zonas máis despoboadas de Galicia, coa fin de rexistrar tanto o que emerxe como o que desaparece, así como o impacto ambiental e climático nas aldeas galegas.
A exposición fotográfica pode visitarse en Vigo
"Habitar o baleiro" non é unicamente un documental. O proxecto xa ten en marcha unha exposición itinerante, que actualmente pode visitarse no Museo Quiñones de León de Vigo. Nela recóllense fotografías de Brais Lorenzo e textos dos xornalistas Cláudia Morán, Manolo Broa, Alba Moledo, Sergio Pascual e Lucía Abarrategui. Ademais, o colectivo publicou unha serie de reportaxes en diversos medios de comunicación.
Tanto a exposición como as reportaxes exploran as luces e as sombras das áreas máis despoboadas de Galicia, e aventuran as posibilidades de vida e futuro nestas zonas.
Todas as historias e perspectivas recollidas condensaranse no documental, que contará tamén coa participación de expertos en diversos eidos para abordar a complexidade da temática desde múltiples ángulos.
Voces do proxecto
Miguel Riaño Roa, director do documental, subliña a honestidade como un dos piares do proxecto: "Con este formato queremos dar un punto de honestidade e pór o foco sobre o que está pasando no rural, todo iso que neste momento non estamos mirando".
Pola súa banda, Brais Lorenzo, director de fotografía, destaca o poder da imaxe: "A imaxe é unha ferramenta de loita, de preservación da memoria, e xoga cunha perspectiva de testemuño e documento histórico: as imaxes melloran, case sempre, co paso do tempo".
Finalmente, Cláudia Morán ofrece unha visión esperanzadora: "No baleiro sempre acabas atopando vida: xunto con esa realidade que está a desaparecer sempre hai outras que están nacendo".
O colectivo Habitar o baleiro está integrado por Brais Lorenzo, Cláudia Morán, Manolo Broa, Alba Moledo, Alba R. Saavedra e Sergio Pascual, co apoio dos profesionais do audiovisual Miguel Riaño Roa, Thomas Harris e Juan Carlos García.




