Rosa Rodríguez, Medalla Castelao 2025: “Só fun unha bandeirada da atención primaria”
A doutora Rosa Rodríguez Álvarez, que desenvolveu durante 35 anos a súa carreira no Centro de Saúde de Durmideiras, recibiu a Medalla Castelao 2025 como representante do persoal de atención primaria de Galicia

Rosa Rodríguez, medalla Castelao
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
A Coruña
Rosa Rodríguez, xa xubilada, viviu nas últimas semanas unha auténtica montaña rusa emocional. O recoñecemento dos seus compañeiros e pacientes na súa despedida do centro de saúde foi só o comezo dun mes cheo de homenaxes que culminou coa entrega da Medalla Castelao, un galardón que recibiu entre a emoción e a humildade: “Sigo sen sentirme merecente a título persoal, pero si como representante da atención primaria”.
A doutora lembra con especial emoción o 14 de maio, o día da súa despedida: “Foi un choque emocional tremendo. Aquel aplauso sincero dos meus pacientes foi o que puxo todo a rodar”.
A voz dunha xeración de profesionais
Durante a súa intervención institucional en San Domingos de Bonaval, Rosa Rodríguez non dubidou en poñer voz ás demandas históricas da atención primaria galega. “Temos dúas carencias fundamentais: falta de persoal e falta de tempo”, explicou. A doutora destacou tamén a importancia da continuidade asistencial: “Hai estudos que demostran que manter o mesmo médico durante 15 anos reduce a mortalidade un 25%”.
Criticou a excesiva burocracia, a sobrecarga asistencial e a falta de previsión no relevo xeracional. “Agora mesmo estamos xubilándonos moitos profesionais entre os 65 e os 70 anos, e o sistema non estaba preparado”, advertiu.
Unha vocación desde a infancia
Nacida en Sober e criada na Ribeira Sacra, Rosa soubo desde nena que quería ser médica. “Co catro anos, os Reis deixáronme un fonendo de xoguete, e xa non mirei para nada máis”, lembra. A súa traxectoria profesional levouna por Almería, Ponferrada e Carballiño ata establecerse na Coruña, cidade da que se declara “namorada”.
Formouse en medicina familiar e comunitaria no antigo Juan Canalejo, e traballou sempre na sanidade pública, entregada ao coidado dos seus pacientes. “Nunca máis volvín pensar en nada que non fose isto. Foi unha verdadeira paixón”.
“A medalla é dos meus pacientes e do equipo de Durmideiras”
Rodríguez insistiu en que o galardón simboliza o labor colectivo: “É un recoñecemento para a atención primaria, para os sanitarios e non sanitarios, para todo o equipo de Durmideiras. Eu só fun a bandeirada”. Asegura que agora lle queda tempo para vivir esa segunda vocación que sempre a acompañou: o xornalismo.
Con humildade, orgullo e compromiso, Rosa Rodríguez representa a esencia da atención primaria: proximidade, entrega e humanidade. A Medalla Castelao 2025, en realidade, é un reflexo do que ela deu durante catro décadas de servizo.




