
A SER analiza o presente e o futuro do galego nunha nova edición de 'Conversa'
Santiago de Compostela
'Compostela: cidade en galego' é o foro que organiza este mécores a Cadena SER e no que analizaremos a evolución do galego, trala última enquisa do IGE que alerta dunha perda constante de galego-falantes.
¿Está o galego en perigo? É a pregunta á que buscaremos resposta nunha mesa de análise na que participarán o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, a responsable de ANPA´s galegas en Muxía, Maica Cacheira, e Gorka Arejalaleiba, un vasco afincado en Compostela que decidiu aprender galego grazas ó programa da USC Neofalantes.gal.
Na xornada, que inaugura a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, abordaremos tamén as iniciativas que impulsa o concello para tratar de dar un maior pulo ó galego en ámbitos coma o deporte. A concelleira de deportes, Pilar Lueiro, Marta Besada, técnica municipal de Lingua, conversarán con Adrián Dios, presidente e adestrador de ADB Fontiñas, e con Xabi Vidal, xogador de rugbi e impulsor da iniciativa 'Tuxeleires', un equipo de rugbi inclusivo.
O galego ten futuro, iso é evidente, e por iso queremos tamén abordar a presenza do idioma nas novas tecnoloxías a través do proxecto Nós, un proxecto inédito en Galicia que permitirá xerar os recursos dixitais e lingüísticos precisos para facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas en Intelixencia Artificial (IA) e Tecnoloxías da Linguaxe (TL) tales como asistentes de voz, tradutores automáticos e axentes conversacionais en lingua galega.
Vídeos relacionados








