"Aquí temos un problema: como conseguir protexer a poboación galegofalante"
O vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo, reclama un pacto político liderado pola Xunta, tras o informe do IGE | O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, avoga por un pacto social e por plans de culturalización da lingua galega entre a poboación inmigrante

A Coruña
“Como imos implicar o resto das institucións, empresas e a sociedade se desde o propio goberno galego non se dá unha mensaxe clara de compromiso coa lingua?” Esta pregunta formulouna publicamente o vicesecretario da Real Academia Galega e coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo.
No debate de A Coruña Opina, de Radio Coruña Cadena SER, celebrado este domingo sobre “a caída en picado do uso do galego”, o académico afirmou que o pacto social que reclama o Goberno de Rueda é importante, pero advertiu de que, se non se subscribe un pacto político liderado pola Xunta, non se reverterá a situación actual do idioma galego.
Monteagudo, tamén coordinador do Seminario de Sociolingüística, sostén que o decreto do plurilingüismo debe ser derrogado, como tamén reclama desde hai tempo a RAG. “O decreto é o mascarón de proa” da política sociolingüística impulsada polo PP, que cualifica de “ineficaz”. Para el, o principal problema está en protexer a poboación galegofalante, e especialmente á mocidade galegofalante. Considera que a cidadanía non percibe por parte da administración autonómica unha mensaxe clara de compromiso coa lingua galega.
Ante as críticas da oposición no Parlamento e de distintos organismos sobre o decreto aprobado pola Xunta de Feijóo no 2010, polas consecuencias que tivo no uso do galego, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, tratou de restarlle importancia asegurando que o problema é moito máis complexo. Defendeu o decreto, aínda que recoñece que é mellorable. Circunscríbeo ao ámbito educativo, para regular a impartición das materias en galego ou castelán en Infantil, Primaria e Secundaria. “O decreto non se mete na lingua que se fala nas familias, nos patios, nas igrexas, nas discotecas ou nas familias que veñen de fóra”, afirma García. Avoga por un pacto social e por plans de culturización da lingua galega para a poboación inmigrante.
Segundo García, a incorporación da inmigración influíu na caída do uso do galego. Poñía como exemplo a existencia de 33 mesquitas en Galicia con máis de 40.000 persoas que, segundo explicou, deben ser incluídas no conxunto de medidas para reverter esta situación.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, convocou os grupos parlamentarios para o 24 de outubro co obxectivo de abrir un proceso de diálogo e procurar consensos para impulsar o uso do galego. Trátase de avanzar cara a un pacto político despois do último informe do Instituto Galego de Estatística, que conclúe que o castelán xa é o idioma máis falado en Galicia. O estudo revela que só un 24 % das persoas residentes en Galicia usan o galego como lingua principal. Un 30 % opta exclusivamente polo castelán. En 2018, case o 52 % da poboación falaba maioritariamente en galego fronte ao castelán.
A plataforma Queremos Galego convocou para o 17 de novembro unha manifestación en Santiago de Compostela en defensa da lingua baixo o lema “Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego”. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da plataforma, Marcos Maceira, cualifica a situación como de “emerxencia lingüística extrema para o galego”. Sostén que a lingua propia foi expulsada de todos os ámbitos da vida social, sen que a Xunta actuase para evitalo.
Para Luisa Villanova, profesora de Lingua Galega e Portugués no IES Agra do Orzán da Coruña, as consecuencias do decreto do plurilingüismo son “nefastas”. Critica que nos Orzamentos de 2025 a Xunta só vaia investir en política lingüística a metade do que destinaba en 2008. Na súa intervención no debate, defendeu unha política activa en favor do uso do galego e reprochou ao PP a inacción por “falta de vontade política”. A presenza do galego é, ao seu xuízo, inexistente.
Silvia e Nuria Sanmartín, alumnas de 1º e 4º da ESO do IES Agra do Orzán, puxeron voz ao elevado número de nenas, nenos e mozos galegofalantes no ámbito familiar que, porén, acaban pasándose ao castelán ante o uso maioritario desta lingua entre as amizades e nos distintos espazos nos que se moven.




