La Ventana Metropolitana
Sociedad

O Nigranjazz fai historia na súa XIX edición coa presenza de Aaron Parks

O festival adianta as súas datas de celebración ata os días 17, 18 e 19 de xullo, para acoller a actuación do mítico pianista

Aaron Parks / Wikipedia

O Nigranjazz prepárase para unha edición excepcional. O festival adiantará as súas datas, celebrándose do 17 ao 19 de xullo, para acoller no esteiro de A Foz ao recoñecido pianista estadounidense Aaron Parks, un dos grandes referentes do jazz mundial.

A súa actuación estelar será o sábado 19 de xullo, prometendo unha xornada memorable para os amantes do xénero.

"O Nigranjazz volve a facer Historia ao subir ao escenario a un dos artistas máis recoñecidos a nivel mundial", destaca Juan González, alcalde de Nigrán. "Non cabe dúbida de que xa formamos parte destacada do circuíto dos mellores festivais de jazz de todo o país, e iso énchenos de orgullo".

Cambio de datas para coincidir con Parks

A decisión de cambiar as datas tradicionais do festival, a última fin de semana de xullo, tomouse co obxectivo claro de contar con Parks. "É un luxo ter con nós a Parks, quen ten a capacidade de evocar emoción e introspección a través da súa música, o que fai del un dos pianistas de jazz máis influíntes e respectedos da súa xeración", explica Felipe Villar, director artístico do Nigranjazz.

Esta XIX edición do Nigranjazz contará con catro concertos no singular esteiro da Foz, presentando a algúns dos músicos de jazz máis destacados do panorama nacional e internacional.

Programación especial e unha masterclass

  • O venres 18 de xullo será o momento do debut no escenario principal de Manuel Cebrián, director da Escola de Música Municipal de Nigrán, quen presentará o seu primeiro disco, Litet Steg. A segunda actuación da noite abrirá o festival ao flamenco-jazz da man do cuarteto da flautista madrileña Carmen Vela.
  • O sábado 19, antes da esperada actuación de Aaron Parks (quen tocará con dous músicos portugueses de referencia), o público gozará da proposta do vibrafonista catalán Marcel Pascual en quinteto.

As jam sessions prolongaranse despois dos concertos nun escenario situado no propio recinto, e terán un anticipo o xoves 17 de xullo no Malabar Pénjamo de Patos.

Aaron Parks tamén protagonizará a tradicional masterclass o sábado ao mediodía no Auditorio, unha oportunidade imperdible para calquera músico interesado no jazz.

Un festival inclusivo e con historia

A nova edición, cun cartel deseñado polo nigranés Álvaro Cedeira, foi presentada hoxe na nave de cervexas Banda en Porto do Molle. Esta marca local patrocina un ano máis o evento, que tamén conta coa financiación da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do 'Plan + Provincia'.

O Nigranjazz é un festival inclusivo: disporá de mochilas vibratorias para as persoas xordas que o soliciten previamente no mail info@entresignos.com ou no WhatsApp 690679675.

Ademais da música, a nave da cervexeira acolle desde hoxe unha exposición que recompila os carteis de todas as edicións (Parque Empresarial Porto do Molle, Rúa do Labrego, 22, nave 5E).

19 anos de jazz en Nigrán

O Nigranjazz cumpre 19 anos consolidado como o festival máis lonxevo organizado polo Concello de Nigrán e o único adicado ao jazz en toda a comarca do Val Miñor. É recoñecido pola calidade dos artistas que nel participan e pola súa aposta por un jazz puro, afastado das vangardas.

Dende a súa creación en 2007 por entusiastas veciños, sempre con entrada gratuíta, conseguiu traer a Nigrán a grandes nomes internacionais, sen esquecer a plataforma que ofrece aos cada vez mellores músicos de jazz galegos.