"Recordo pasar alí moito tempo da miña vida": esta é a praia favorita de Nuno Pico, de Grande Amore
Levaría a María e Clara, compañeiras de grupo, para que "non se queixen de que só as levo a bares con humidade"

"Recordo pasar alí moito tempo da miña vida": esta é a praia favorita de Nuno Pico, de Grande Amore
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Lugo
De xira constante durante o verán, de Bilbao a Alicante, con parada en Benidorm ou Torremolinos: así está a ser o verán de Nuno Pico, vocalista de Grande Amore, e a pesar de todo, á hora de escoller unha praia favorita, barre para a casa. "É certo que de fai varios anos para aquí non son o ser humano máis 'veraniego' que hai, pero si que hai unha praia que me trae moi bos recordos", confesa.
Más información
Arealonga, en Nois, é un dos escenarios máis recorrentes da súa infancia. Segundo conta, o gusto por este areal herdouno de súa nai. "A tradición dos doce ou trece primeiros anos da miña vida. A tradición na casa era ás tardes, ao rematar de xantar, ir ata alí", explica.
Ata os trece anos foi moitas veces a Arealonga, que agora lle evoca "recordos desa infancia feliz". O que máis lle gustaba era "xogar ao fútbol á beira do mar con Julián e Esteban", dous amigos aos que "practicamente" coñeceu alí. De adolescente, lembra tamén "levar algún libro" e ler na area títulos como 'A volta ao mundo en 80 días'.
Contra a noitiña, a mellor hora
"Eu antes das catro e media da tarde ou así non vou, que peta moito a calor e a min o sol ponme malísimo", continúa Nuno Pico. El prefire a praia "canto máis á tardiña mellor, que a parte as praias están moi bonitas a esa hora".
Se tivese que escoller unha persoa para acompañalo levaría a "María e Clara, as compañeiras de grupo, para que visen que non teño solo ese rexistro de servo da escuridade e que só as levo a bares con humidade", bromea.
Resúltalle máis complicado escoller un obxecto imprescindible para a praia, pero conclúe que "unhas palas para xogar". "Sona a topicazo total", di, "pero si que teño xogado moito e conecta ca miña época 'raquetera', na que iba a tenis de mesa en Burela".
O que non levaría nunca, asegura, é unha guitarra: "Todo o que teña que ver con naturaleza e tocar a guitarra en público nada". "Eu a xente que vai tocar a un parque ou á praia, eu esa alegría de vivir admíroa", continúa, "pero a min prodúceme malestar".




