A XXV Festa do Esquecemento xa ten programación
Conta con máis de 50 actividades

Presentación do programa desta XXV Festa do Esquecemento

A edición número 25 da Festa do Esquecemento, que se celebra do 22 ao 24 de agosto en Xinzo, xa ten programación. A Civitas Limicorum, organizadora do evento, destaca que serán máis de 50 actividades completamente gratuítas, entre espectáculos, concertos, pasarrúas, animacións, desfiles, teatralizacións ou eventos simbólicos como o prendido e o apagado do lume sagrado.
A gran novidade da edición de 2025 será o regreso do Gran Circo Romano, un espectáculo de gran formato sobre terreo de area que incluirá cuadrigas, loitas de gladiadores e gradas para o público, con preferencia para quen vaia vestido de época. Será un dos actos centrais da fin de semana e recuperarase tras anos sen celebrarse.
A música tamén terá un papel protagonista, con concertos os tres días. A festa non se concentra nun único espazo: a programación está deseñada para activar todos os escenarios e zonas do centro da vila —Campamento Galaico-Romano, Praza Maior, Parque do Toural, Casco Vello e máis— en diferentes horarios e con propostas variadas.




