Sociedad

Partido Popular e o concelleiro díscolo de AdV presentan unha moción de censura en Fisterra

A nova xurisprudencia do Tribunal Constitucional permite ao concelleiro de AdV quitarlle a alcaldía ao seu propio partido. A moción debatirase o vindeiro día 19. Ángel García Seoane anuncia a expulsión do partido de Francisco Martínez

Se nada cambia, Áurea Domínguez deixará o bastón de mando o vindeiro día 19

Fisterra

O Partido Popular e un concelleiro de Alternativa dos Veciños presentaron esta mañán en Fisterra unha moción de censura contra a actual alcaldesa Áurea Domínguez, de Alternativa dos Veciños. Os populares fanno apoiados nun concelleiro que leva varios meses á marxe da disciplina do partido, Francisco Martínez, do mesmo partido que a alcaldesa, posibilitando a volta deos conservadores á alcaldía dez anos despois.

A rexedora leva dous anos no cargo grazas ao apoio do BNG e o PSdeG, que lle entregaron o bastón de mando para convertila na primeira muller no cargo na historia do municipio. Áurea Domínguez sinala que o único sustento da moción de censura é o espíritu da vinganza do "tránsfuga" Franciso Martínez.

Dende Alternativa dos Veciños, o seu líder, Ángel García Seoane, rechaza a moción de censura e anuncia a expulsión de Francisco Martínez. "AdV non está de acordo con esta moción de censura e non apoia ningunha moción co Partido Popular no Concello de Fisterra. Hai unha persoa que foi concelleira co AdV e agora por temas persoais chega a esta situación. Non é axustado á realidade e tomaremos as medidas oportunas. Imos expulsar a esa persoa do partido. Mañán reunímonos a Comisión Executiva do partido. AdV non se presta a participar en mocións de censura. Xa o denunciamos en Sada, onde unha sinvergoña política presentou unha moción co PP. Non imos apoiar políticas destrutivas" asegurou García Seoane.

Pola súa banda, o voceiro do PP e candidato á alcaldía, xustifica a moción ao Gobierno en minoría daa alcaldesa. Non entra en consideracións sobre o transfuguismo do concelleiro de Alternativa, co que mantiveron conversas para a presentación da moción de censura.

Unha recente sentenza do Tribunal Constitucional vén de abrir as portas ás mocións de censura apoiadas en concelleiros tránsfugas ou que viven á marxe da disciplina dos seus partidos. Segundo a nova doctrina do alto tribunal, xa non se precisa unha maioría reforzada para tumbar gobernos. Anteriormente era necesario obter un voto máis por cada edil "tránsfuga" que apoiase unha moción, o que de facto imposibilitaba as mocións. Foi o caso do sucedido na anterior lexislatura en Ponteceso, onde os edís expulsados do PSOE non puideron apoiar unha moción de censura contra o alcalde socialista. Os maxistrados consideraron que o artigo da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral que evitaba estas mocións, chocaba co artigo 23.2 da Constitución, que garante o dereito á participación política dos edís.

En Fisterra, AdV detentaba o bastón de mando pese a ter á marxe do grupo a un dos tres concelleiros obtidos nas pasadas eleccións municipais. O equipo de goberno apoiábase no PSOE e BNG para sacar adiante as votacións, ao dispoñer só de 3 edís dos 11 da corporación fisterrá. Durante toda a lexislatura sempre planexou a pantasma da moción de censura sobre o actual goberno. Os cinco edís do PP precisaban do voto do concelleiro de AdV para obter a maioría necesaria, algo que co cambio de xurisprudencia, xa pode ser unha realidade.