La Ventana Metropolitana
Sociedad

Volve o "Parrulas Fest", o festival máis familiar e solidario de Nigrán

Dende este luns 4 e ata o xoves 7, a maxia, o humor e o circo reforzarán o compromiso do concello con Palestina

Programación del Parrulas Fest en Nigrán

O Concello de Nigrán réndese dende este luns 4 de agosto ao xoves 7 ao máximo disfrute das crianzas grazas ao "Parrulas Fest", o festival máis agardado pola infancia e familias de toda a comarca e que ten lugar de xeito gratuíto no escenario ao aire libre do esteiro de A Foz.

Nesta sexta edición, a cita contará con 9 das mellores compañías de artes escénicas de todo o país (desde clown, a circo, humor, maxia, malabares, música e outras disciplinas), e rematará cunha gala solidaria a prol de Gaza (Palestina) organizada por ‘Pallasos sen fronteiras’ e dirixida por Peter Punk, nome artístico do nigranés Isaac Rodríguez, cabeza máis visible do festival.

Programación para toda a familia

A programación cultural do VI Festival Miúdo de Nigrán, "Parrulas Fest", é a seguinte:

Luns 4 de agosto:

  • 19:30h: Maga Fani, presentando ‘Trasnadas moi serias’
  • 20:30h: Antuán de la Cream

Martes 5 de agosto:

  • 12:00h: Sonsoles Penadique co espectáculo musical ‘O chintófano de Dorothé’
  • 19:30h: Cía Sintriz ofrecendo ‘Lila Star’, número de circo, funky e humor
  • 20:30h: Peter Punk Pallaso, irreverente artista circense achegando ‘Con lingua propia’

Mércores 6 de agosto:

  • 12:00h: Os Jalochos cantando, bailando e contando a historia de ‘A landra viaxeira e o amigo lambón’
  • 19:30h: Javi Javichy con ‘Veló como el rayo’
  • 20:30h: Sempre Arriba co espectáculo clown e de acrobacias aéreas ‘Hoxe si!’

Xoves 7 de agosto:

  • 19:30h: John Jackson & Jack Johnson presentando o xogo de malabares, música, maxia e surrealismo ‘A cápsula do tempo’
  • 20:30h: Gala Solidaria Pallasos Sen Fronteiras dirixida polo anfitrión Peter Punk e que conta coa presenza de diversos artistas (todo o recadado mediante a ‘gorra solidaria’ irá directamente a este fin)

Todas as funcións terán lugar no Esteiro da Foz (A Ramallosa) e o Festival está organizado desde o Concello de Nigrán a través da Cooperativa Galega de Artistas Charlatana e conta con financiación da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do ‘Plan + Provincia’.

Compromiso coa infancia de Palestina

“Este é o evento máis agardado pola cativada de Nigrán e as súas familias, a risa sempre está garantida e o compromiso con Gaza na gala final non só se mantén se non que o reforzamos”, explica o alcalde, Juan González, quen engade que se trata dunha parte imprescindible na programación de verán do Concello de Nigrán, xa que “cada ano reúne a centos de familias moi fieis que veñen a desfrutar nunha contorna marabillosa de espectáculos de calidade e sempre moi divertidos”.

“Presentamos sempre unha programación moi variada e coidada na que, como sempre buscamos, destacan valores como a igualdade, o coñecemento, a escoita e o humor. Ao mesmo tempo favorecemos a socialización con familias e amizades e sementamos nos cativos o amor pola cultura e a lingua galega. Neste ano, ademais, centrámonos de xeito especial coa infancia de Gaza na gala solidaria, como non podería ser doutra maneria”, resume Isaac Rodríguez, ‘Peter Punk’.