"Cinecicleta" percorrerá as parroquias de Nigrán
O documental amosa o traballo dunha parella levando o cinema en bici polo continente africano

África en Cinecicleta

O Concello de Nigrán aposta polo cine máis sostible para transportarnos a África literalmente en bicicleta. Deste xeito, desde este domingo e ata o mércores o Concello ofrecerá polas parroquias de interior "Cinecicleta", un proxecto de Isabel Segura e Carmelo López.
Segura e López son unha parella de españois que durante máis de dous anos percorreu África en bicicleta proxectando películas mediante un sistema que se acciona grazas ao pedaleo dos espectadores, o que lles permitíu montar sesións de cinema alá onde non había electricidade.
Percorrido polas parroquias
Os dous viaxeiros, emprendedores e amantes do séptimo arte, montarán agora o seu particular equipo de proxección con este percorrido:
- O domingo ás 22:00 horas en Chandebrito
- O luns na Praza da Carrasca (Parada)
- O martes en Balinfra (antiga escola unitaria de Camos)
- O mércores na A.V. Monteferro-Panxón (A Porqueira)
Nestes lugares pedalexarán para amosar en pantalla o seu propio documental sobre esta experiencia que emprenderon no ano 2015 e que os levou a percorrer a Península e cruzar África ata Madagascar.
En total, sumaron 18.000 quilómetros e fixeron máis de 200 sesións de cine en aldeas nas que a súa chegada supoñía todo un acontecemento.
"Estamos moi orgullosos de traelos a Nigrán porque reúnen nun mesmo proxecto a nosa aposta polo festival de cine a pedal que facemos cada verán na Foz e, por outro, a nosa conciencia social de colaboración cos países en vías de desenvolvemento, cremos que é particularmente educativo amosar este documental á veciñanza", valora o alcalde, Juan González, en referencia aos 115.000 € que nos últimos 3 anos o Concello adicou a proxectos de desenvolvemento neste continente (a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que o Concello de Nigrán preside, o consistorio ten desenvolvido proxectos concretos nos campamentos de refuxiados saharauis en Alxeria, Guinea-Bissau, Mozambique ou Cabo Verde).




