Elviña, un dos barrios con máis identidade da Coruña, a través de Sés
A artista coruñesa María Xosé Silva, máis coñecida como Sés, repasa a súa infancia no barrio de Elviña, onde medrou, xogou, soñou... e onde volve sempre que pode.

A Coruña
No percorrido polos barrios da Coruña que facemos este verán, Elviña tiña que estar si ou si. Non só pola súa historia ou pola súa transformación urbana, senón porque foi o fogar da infancia dunha das artistas máis queridas da cidade: Sés. Xunto a ela, paseamos polas rúas e parques onde medrou, diante da súa casa de nena e a escasos metros do colexio ao que asistiu toda a vida.
“Este é o parque onde xogaba, a casa onde me criei e o colexio está a 200 metros. Aquí pasei toda a miña infancia e parte da miña mocidade”, explica.
A Elviña dos anos 80 e 90: realidade e dignidade
Sés lembra unha Elviña moi diferente á actual. “Foi un barrio moi castigado pola droga. Había puntos de venda moi potentes e moitos nenos, como eu, criámonos entre chiringuillas. Con cinco anos xa sabías que aquilo se tiña que tirar cun pano ao contedor”.
A pesar diso, nunca o viviron como algo traumático. “Educábannos para convivir con esa realidade. Foi duro ver veciños marchar moi novos, pero tamén aprendemos moito”.
Un barrio con alma de vila
“Elviña sempre foi, para min, sinónimo de liberdade, de familia, dunha identidade máis de vila ca de cidade”, di Sés. “Todos coñeciámonos, os vellos tratábannos como netos, para ben e para mal. Había un sentimento de pertenza, de clase, de comunidade”.
Tardes de parque, bancos e pipas
A infancia de Sés estivo marcada pola rúa, polos xogos, pola amizade. “Sentabámonos en calquera banco a comer pipas ou gusanitos, a falar, a compartir. Non había individualismo, non tiñamos redes sociais. O noso lecer era estar xuntos”.
Na adolescencia, a fórmula para quedar era simple: ir chamar ao portal. “Como viviamos todos preto, faciamos a ronda. Un día íamos nós, outro viñan elas... e xuntabámonos sempre aquí, neste parque ou noutro ao lado”.
Ir ao centro… camiñando
“Aquí non había Zara nin centros comerciais. Se querías mirar roupa, ias ao centro andando. Íamos ata o Obelisco, ou ao Corte Inglés cando abriu, só por mirar. Nin podiamos mercar nada! Pero era unha aventura. E pasábamolo ben”.
A igrexa como punto de encontro
Unha das sorpresas desta conversa é a parada na igrexa da Milagrosa de Elviña. “Aquí vin ao catecismo todos os sábados dende os 4 ata os 16 anos. Fun catequista, participei no coro... É un lugar importante da miña infancia, máis alá do relixioso”.
“Non hai patria máis forte ca infancia”
Cando Sés fala da xente que xa non está no barrio, emociona: “Cada vez que morre alguén aquí, sinto que se vai unha parte da miña infancia. E a infancia é todo. É o capítulo decisivo da novela da vida”.
Cita a Baudelaire: “Non hai máis patria ca infancia”. E engade: “Crieime nun entorno humilde, pero moi digno, seguro, libre e caloroso. Un entorno de comunidade que hoxe boto moito de menos”.
¿Volverías a vivir en Elviña?
A artista vive hoxe no rural, e non pensa en volver á cidade. Pero deixa claro que Elviña sería sempre a súa primeira opción se tivese que facelo.
“Gústame estar pegada á terra. Se tivese que volver á cidade, sen dúbida sería aquí. Pero espero seguir vivindo na aldea, porque me fai sentir máis conectada co que son”.




