A Gran Festa dos Maiores de Mos xa ten data: o 31 de agosto
A celebración terá lugar en Costoias, na parroquia de Tameiga
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, na Festa dos Maiores
O Concello de Mos organiza o vindeiro domingo 31 de agosto, en Costoias, na parroquia de Tameiga, a XXXV edición da Gran Festa dos Maiores, unha xornada de convivencia, homenaxe e diversión dedicada ás persoas maiores do municipio.
A celebración, que reúne cada ano a unas 700 persoas, comezará ás 12.00 horas, coa misa cantada pola Coral O Son dos Cantares, que dará paso á actuación da Banda de Música de Torroso. A continuación, terá lugar o tradicional xantar popular, no que se reunirá a veciñanza para compartir mesa e conversa.
Vodas de ouro
Xa pola tarde terá lugar a homenaxe e entrega de detalles aos matrimonios que celebran as súas vodas de ouro. Os matrimonios homenaxeados nesta edición son 50, dos que dous son de Guizán, tres de Petelos, cinco de Torroso, nove de Mos, tres de Dornelas, sete de Pereiras, oito de Tameiga, catro de Sanguiñeda, catro de Louredo e cinco de Cela.
A tarde continuará con animación musical e baile, poñendo o broche de ouro a unha festa que, edición tras edición, mantén viva a tradición de agradecer, coidar e celebrar o papel fundamental das persoas maiores na vida social, cultural e familiar de Mos.
"Un dos eventos máis queridos"
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destaca que “a Gran Festa dos Maiores é un dos eventos máis queridos do noso calendario, unha oportunidade para devolverlles todo o agarimo, traballo e dedicación que teñen entregado ao longo das súas vidas”.
As concellerías de Política Social e Participación Cidadá do Concello de Mos levan dende 1990 levando a cabo esta festa adicada aos maiores do noso municipio. Trátase dunha data moi importante en Mos, xa que esta festividade forma parte da nosa historia e cultura, sendo unha festa moi agardada por moitos veciños do municipio, sendo cada ano máis os que se suman aos actos que este día se celebran.




