Éxito dos campamentos para a mocidade do Concello de Redondela
Os campus, dirixidos á rapazada entre os 12 e os 16 anos, contan con múltiples actividades culturais e deportivas

Alcaldesa de Redondela visitando os "Campus da Xuventude"

O Concello de Redondela puxo en marcha este verán o novo programa “Campus Xuventude” dirixido á mocidade. A rapazada de entre 12 e 16 anos conta con actividades como edición de fotografía e vídeo, intelixencia artificial e pintura mural que están a ter moito éxito.
O campus, organizado polas concellerías de Xuventude e Cultura, é totalmente gratuíto e está a deixar “pegada” nas instalacións municipais. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira Iria Vilaboa visitaron aos participantes no campus de pintura mural que están a decorar o lateral do campo de fútbol de Santa Mariña.
Expertos e novatos graffiteiros
Coas indicacións e a axuda da súa mestra, a artista local Paula Amoedo, a rapazada decorou o muro con imaxes deportivas “cun resultado espléndido”, destacou Rivas. Para moitos participantes esta é a súa primeira experiencia no mundo do graffiti, e amosáronse “moi contentos e motivados coa actividade”.
A alcaldesa animounos a seguir formándose nesta especialidade artística e propúxolles decorar outros espazos públicos en vindeiras edicións do campus.




