Luís Insua, novo alcalde de Fisterra tras prosperar a moción de censura contra Áurea Domínguez
O Partido Popular recupera a alcaldía logo de 10 anos co apoio do tránsfuga Francisco Martínez, expulsado de Alternativa dos Veciños


Luís Insua é dende este martes o novo alcalde de Fisterra ao de prosperar a moción de censura presentada polo PP co apoio do edil tránsfuga de Alternativa dos Veciños Francisco Martínez.
O pleno extraordinario celebrouse nun Mercado Cultural totalmente cheo, cun público maioritariamente favorable a Áurea Domínguez, primeira muller en ocupar a alcaldía fisterrá.
A votación transcorreu segundo estaba previsto, os cinco edís do PP e o concelleiro díscolo apoiaron a moción, acadando así a maioría absoluta, o resto de edís, representando aos grupos de Alternativa dos Veciños, PSOE e BNG votaron en contra. A edil popular Jenifer Suárez foi a encargada de entregar bastón de mando ao novo rexedor entre os aplausos do sector popular presente na sala.
Nas intervencións previas á votación, Insua recoñeceu que non foi unha decisión doada, pero defendeu que se trataba dun “cambio necesario” tras dous anos de “liortas e enfrontamentos” e un goberno en minoría que, asegurou, mantivo o concello nunha situación de parálise. O novo alcalde comprometeuse a formar un executivo “forte e sensato” e a traballar con “diálogo e pontes” para sacar adiante os proxectos pendentes.
Pola súa banda, Áurea Domínguez insistiu en que “non había motivo” para esta moción e acusou ao PP e ao edil díscolo de actuar por “intereses espurios e conveniencias políticas”. Reivindicou a súa xestión, lembrando investimentos e proxectos impulsados durante o seu mandato. Acusou á Xunta de “desprezos institucionais” cara ao concello e pechou a súa intervención apelando á forza das “mulleres bravas de Fisterra”, momento no que recibiu un longo aplauso do público.
Finalmente interviron os voceiros do PSOE e do BNG, que rexeitaron a moción e cualificárona de “inxustificada”, mentres o edil de AV, Manuel Lestón, afirmou que a iniciativa “pode ser legal, pero non moral nin lexítima”.
Con esta moción, o PP regresa á alcaldía de Fisterra tras dez anos de gobernos progresistas. Falta coñecer a composición do novo goberno de Insua e se o edil non adscrito Francisco Martínez formará parte del.




