Carballo e a Xunta asinan a cesión de solo para a construción de 73 vivendas de promoción pública
este mesmo luns o executivo galego licitou a redacción do proxecto e dirección de obra por algo máis de medio millón de euros

Carballo. A Coruña A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, asina co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Varela, o acordo de cesión de parcelas onde se construirán vivendas de promoción pública. 25/08/2025 Foto: Moncho Fuentes/AGN A Coruña

O alcalde de Carballo Evencio Ferrero asinou coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue o convenio para a cesión gratuíta por parte do concello de Carballo dunha parcela para a construción dun edificio de promoción pública para 73 vivendas na rúa Medico José Manuel Lado 18-20 e que conta cunha superficie de 1.998 metros cadrados.
Allegue anunciou que hoxe mesmo se publicou no perfil do contratante a licitación da redacción do proxecto e dirección de obra do inmoble, por un importe de 549.708,69€. O investimento total estimado que fará a Xunta de Galicia nesta actuación é de 14M€. A Xunta abordará a construción destes novos fogares a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia.
A conselleira salientou a colaboración cos concellos para acadar máis solos para a promoción de vivendas públicas con acordos coas administracións locais, como é o caso de Carballo.
O alcalde Evencio Ferrero agradeceu a iniciativa da Xunta, destacou a importancia deste acordo nun concello que está en contínuo incremento de poboación nos últimos anos e indicou que esta actuación servirá para dinamizar unha zona ben equipada con servizos básicos. Pediu que as obras transcorran con celeridade.
Por último, M. Allegue salientou que a Xunta está a redobrar esforzos para facilitar o acceso á vivenda, a través de distintas vías. En canto á construción de nova vivenda protexida, o Goberno galego conta con máis de 2.800 fogares en marcha, en diferentes fases de tramitación.
A Concelleira tamén destacou que a Xunta está a mobilizar vivenda baleira, co programa Fogar Vivo, en prazo para presentar solicitudes, con achegas de ata 16.000€. Por último, fixo fincapé no desenvolvendo solo residencial para 25.000 vivendas, a través da Estratexia Galega de Solo Residencial.




