Catro palilleiras e unha peza única
Mos prepárase para La Vuelta cunha creación artesanal que pon en valor o talento da vila

Nidia Arévalo coa peza conmemorativa

As Palilleiras de Mos uníronse para celebrar a chegada de La Vuelta a España á vila, que terá a meta da súa 16ª etapa no Castro de Herville o vindeiro 9 de setembro. Para conmemorar este evento, crearon unha peza única que combina a tradición artesanal co espírito ciclista.
A obra é unha roda de bicicleta a tamaño real, de 70 cm de diámetro, elaborada con encaixe de palillos. Deseñada pola presidenta do colectivo, Montserrat Pereira, a peza non só representa a unha bicicleta, senón que tamén simboliza a letra "O" de Mos.
Unha peza única
A creación complétase cunha base de vinilo e coas letras "M" e "S" en madeira, feitas en colaboración co alumnado do Obradoiro de Emprego "Queda en Mos".
As Palilleiras de Mos
As Palilleiras de Mos
Na elaboración da peza participaron as palilleiras Josephine Lago, Hilda Troitiño Lois, Montserrat Pereira e Gladys Di Toro, ademais de colaboradores de distintas idades como Martín Villamandos, de 8 anos, e as principiantes Eva Mallo, Rebeca Castro e María José Castro.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que a iniciativa é un exemplo da unión da tradición cultural e a vocación deportiva do municipio. "Esta obra levará un símbolo do noso talento e da nosa identidade", asegurou. A peza foi presentada hoxe, unha semana antes da cita histórica que situará a Mos no mapa internacional do ciclismo.




