O GDR Costa da Morte aproba case 300.000 euros en axudas para 5 proxectos
A maior subvención corresponde a un centro de día privado con 125.000€

O GDR financia a apertura dun centro de día privado en Vimianzo / pabkov

Costa da Morte
A Xunta Directiva da Asociación Costa da Morte - GDR, aprobou a proposta de selección de proxectos produtivos da convocatoria Leader PEPAC 2025-2026, na reunión deste martes 2 de setembro.
En total, apoiaranse cinco iniciativas empresariais cun investimento conxunto de 1.200.000€, para as que se propón unha axuda global de case 300.000 euros. Entre os proxectos destacan a creación do Centro de Día Nicoli, SL en Vimianzo, a ampliación de empresas de fontanería, climatización e excavacións, así como a posta en marcha dunha carnicería-charcutería con obradoiro.
No caso da nova instalación para climatización e frío industrial, a subvención ascende a 55.444,96 euros, quedando en reserva outros 69.555,04 euros á espera de dispoñibilidade orzamentaria.
Ademais, dous proxectos quedaron en lista de agarda por falta de fondos: a ampliación dunha carpintería metálica (Martínez y Caamaño, SL) e a creación dunha planta de formigón en Vimianzo (Norgalicia Formigón, SL).
A proposta foi remitida á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que será a encargada de emitir as resolucións definitivas e comunicarllas aos promotores.




