Ribadavia inaugura este venres as Festas do Portal
Faino cun concerto da histórica banda Burning

Imaxe de Ribadavia. / red

Ribadavia.
Este venres comezan en Ribadavia as Festas do Portal, unha das citas máis agardadas pola veciñanza do Ribeiro e que se prolongarán ata o vindeiro martes, día 9 de setembro. A xornada inaugural contará cun dos momentos máis especiais da programación: o concerto da mítica banda de rock Burning, que traerá á vila o seu son inconfundible, cun repertorio cargado de clásicos.
O grupo madrileño, creado en 1974 e considerado precursor do espírito da movida e do rock urbano en castelán, mantivo ao longo de cinco décadas un estilo fiel ás súas raíces: rock and roll clásico, rythm and blues e blues, con influencias de Lou Reed, The Rolling Stones ou The New York Dolls. “Que Ribadavia poida abrir as festas cun concerto desta lenda viva do rock español é un auténtico luxo”, destaca a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez.
O alcalde, César Fernández, subliña que o arranque das festas reflicte a filosofía que guía todo o programa: “Están pensadas para todos os públicos, para que toda a veciñanza e quen nos visite atopen a súa maneira de desfrutar. O concerto de Burning será sen dúbida un dos pratos fortes”.
Ademais do concerto, a xornada de apertura incluirá tamén actividades de rúa e verbena, marcando o comezo dunha programación que se prolongará ata o martes 9, día da patroa, con máis de 30 actividades para todas as idades, entre tradición, cultura e música; e por suposto tamén unha das grandes citas destas festas: a confección da alfombra floral na honra da Virxe do Portal, o domingo.




