“Isto é inhumano e intolerable, saímos de Cee á unha e media e volvemos ás oito sen que nos consultara o médico na Coruña”
Emilia é veciña de Cee, denuncia o periplo que pasaron ela e un familiar enfermo nun traslado ao Abente y Lago para unha consulta médica que non se produciu
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Entrevista a Emilia (05/09/2025)
O pasado día dous de setembro, segundo nos conta Emilia, veciña de Cee, foi acompañando a un familiar a unha consulta médica no hospital Abent y Lago da Coruña. Os problemas empezaron dende o primeiro momento. A ambulancia estaba pedida para as doce, para chegar á cita no hospital coruñés ás 13.30, pero xusto a esa hora, á unha e media, saíron de Cee: Emilia pregúntase porque non se cancelou o traslado da doente, que se atopa nunha situación moi delicada debido a unha grave enfermidade e convalecente dunha operación, o que lle provoca fortes dores. A pesar das queixas, o traslado produciuse, pero o médico especialista que debería realizar a consulta xa non estaba no hospital coruñés cando chegou a ambulancia. “Isto é inhumano e intolerable” asegura Emilia. As súas queixas deron, en parte, resultado e outra doutora atendeu á doente, “Atendeunos unha doutora que xa marchaba, foi moi empática porque a ela non lle correspondía, pero simplemente nos dou un informe incompleto, non foi a consulta que lle correspondía á miña familiar”.
Na segunda parte da historia, denuncia Emilia, continuaron os problemas. Ás 15.45 empeza a espera para regresar ao hospital Virxe da Xunqueira, hora e cuarto máis tarde, ás cinco, ante a tardanza da ambulancia, reclaman en recepción e dinlle que xa está cerca, media hora máis tarde insisten, pero a ambulancia non chegou ata as seis da tarde. Dúas horas e cuarto de espera na porta do hospital para un doente grave, con fortes dores que se recupera dunha intervención cirúrxica.
Emilia fixo unha reclamación na oficina do defensor do doente solicitando melloras no servizo de ambulancias entre os centros hospitalarios para evitar que outras persoas sufran situacións similares, considera que o traslado a Coruña “nunca debeu producirse, sabendo que non chegaríamos á hora da consulta”.
Por último, esta veciña de Cee, fai un chamamento a tódolos usuarios do hospital a poñer reclamacións cada vez que teñan algún tipo de incidencia o trato inadecuado, “Que poñan denuncia, é cando vamos a facer algo, porque unha voz soa non chega. Oxalá que isto sirva para que se poñan as pilas. É moi humillante”.




