Carballo, primeiro polígono galego en constituír unha ECOXEM
A Asemblea Xeral do vindeiro 1 de outubro marcará o inicio dunha nova etapa na xestión empresarial de Bértoa

Concello de Carballo

A próxima semana, os máis de 240 propietarios do Polígono de Carballo recibirán por correo postal a convocatoria oficial da Asemblea Xeral Constituínte da Entidade de Conservación, Xestión e Modernización (ECOXEM). A cita está programada para o 1 de outubro no Centro Social de Bértoa, situado no propio polígono, e suporá o último paso para que a nova entidade asuma a xestión a partir do 1 de xaneiro de 2026.
As ECOXEM foron creadas pola Lei 3/2022 de Áreas Empresariais de Galicia para modernizar a xestión de polígonos e parques empresariais. No caso de Carballo, a súa constitución non implicará un incremento das cotas actuais, que seguirán baixo control dos propietarios a través da Asemblea Xeral anual e dunha Xunta Directiva. A novidade principal é que esta figura contará con personalidade xurídica propia, abrindo a porta a novas fontes de financiamento e á xestión directa de infraestruturas, como a báscula de pesados que se prevé estrear antes de finais de ano.
O proceso arrancou o 19 de febreiro coa aprobación dos Estatutos pola Xunta de Propietarios, avalados posteriormente polo Pleno do Concello o 26 de maio. A decisión de publicar o texto no Boletín Oficial da Provincia o 19 de xuño, aínda que non era obrigatoria, reforzou a transparencia do camiño cara á constitución formal.
A creación da ECOXEM coincide co 35 aniversario do polígono, inaugurado o 7 de xullo de 1990. En tres décadas e media, pasou de ter un carácter local a converterse nun dos máis dinámicos de Galicia, con máis de 230 empresas de 36 sectores, unha facturación conxunta de 440 millóns de euros e máis de 2.800 empregos directos. A día de hoxe, practicamente non queda solo industrial dispoñible.
Desde a súa dirección destacan o apoio municipal, que cada ano inclúe unha partida específica nos orzamentos para melloras como a rede de hidrantes, o aparcamento de pesados, a renovación de beirarrúas ou novos accesos viarios. Ademais, implantáronse servizos como a recollida porta a porta de cartón e plástico, a bolsa de emprego e o peche nocturno do recinto.
Este 2025 tamén está a ser un ano clave, coa tramitación da ampliación prevista para 2028, o avance da circunvalación —aprobada inicialmente en xullo— e a futura integración na Rede de Transporte Público de Galicia, con dúas paradas e sete frecuencias diarias cara A Coruña.
Carballo converterase así no primeiro polígono galego en constituír unha ECOXEM, situándose como referente autonómico. A Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) recoñece a súa traxectoria como exemplo de boa xestión, mentres outros concellos e parques empresariais xa mostraron interese en replicar o modelo.




