O músico vilagarcián Joel Padín anuncia a preparación dun segundo disco logo do seu éxito con “Aughas mortas”
Este novo traballo incluirá pezas inéditas recompiladas por toda Galicia, algunhas delas habaneiras mariñeiras da zona de Arousa

Vermú con SER - O músico vilagarcián Joel Padín anuncia a preparación dun segundo disco logo do seu éxito con “Aughas mortas”
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Ten 20 anos pero a súa paixón pola música farao chegar moi lonxe. Joel Padín é veciño do lugar do Pedroso, na parroquia de Bamio, en Vilagarcía. No programa deste domingo, cóntanos que con 6 anos os seus pais mandárono por obriga a unhas clases de pandeireta da asociación Mar de Arousa de Bamio a pesar de non estar moi pola labor. Pero acudir a esa primeira clase, cambiaríao todo. Joel namorouse daquel ambiente e daquela música, e dende entón, ata agora, o folclore galego adaptado aos novos tempos é o eixo da súa vida.
O que lle enganchou da escola Mar de Arousa foi “o sentimento de pertenza a algo”, explica Padín, “porque as veces a xuventude estamos perdidos e non atopamos o que de verdade nos enche na vida. A min gustoume moito ver como unha familia como a de Mar de Arousa pasábao tan ben cantando e actuando alí por onde íamos. Vilagarcía sempre foi un sitio de moitas agrupacións musicais galegas e dende o bum das Tanxugueiras nótase moito máis”.
Joel Padín identifícase cun estilo puro. Sinte atracción pola pureza tradicional e goza ca música feita dende a nosa terra sen engadir instrumentos que rompan a esencia do popular. “O meu é pandeireta e voz”, sentenza. O seu obxectivo na vida é vivir diso. Ata agora combinaba a súa paixón pola música con estudos de transporte e comercio que cursaba en Vigo que acabou deixando.
Tras o seu éxito con “Aughas mortas”, Joel Padín traballa man a man con Carlos Rey, divulgador musical e o seu “avó ” – define entre risas – nun segundo proxecto aínda sen rematar. Falamos dunha selección de 23 cantigas recompiladas ao longo e ancho da nosa comunidade pero tamén no norte de Portugal. Agora, terán que facer unha criba para materializar o segundo disco “cunhas dez ou once pezas”. Cóntanos Carlos Rey que as melodías inclúen habaneiras mariñeiras “moi bonitas” da zona de Arousa. Joel Padín tamén ten na súa axenda actuacións en Barcelona e Ceuta nos centros galegos destas cidades cas cales recoñece estar encantado por esta oportunidade profesional.
A relación entre Joel Padín e Carlos Rey xorde cando o primeiro tiña 9 anos. Xunto aos seus compañeiros de Bamio, Padín cantaba nunha foliada na Baldosa de Vilagarcía e Carlos viuno e dixo “este é para min”. Logo daquela actuación falou cos pais de Joel aos cales lles dixo: “algún día gravaremos xuntos”. E así foi. “Aughas mortas”, foi o primeiro disco que sacaron ao mercado e agora queren ir a polo segundo.
Desde Arousa, Joel Padín agarda un prometedor futuro no mundo da música porque como lle dixo Carlos naquela foliada... “ten algo dentro, unha forza na voz que atrae”.




