O PSOE de A Laracha denuncia o abandono do Centro Sociocultural da Insua en Caión
A voceira socialista, Inés Ramos, pide horarios máis amplos, programación estable e a recuperación inmediata dun espazo que considera esencial para a infancia e a mocidade


O Grupo Municipal Socialista de A Laracha vén de denunciar o estado de abandono no que se atopa o Centro Sociocultural da Insua, en Caión. A voceira, Inés Ramos, advertiu de que se trata dun espazo público “que podería ser de grande utilidade para a veciñanza, especialmente para a rapazada da parroquia”, pero que hoxe permanece “practicamente sen vida” pola “inacción do goberno local”.
Segundo Ramos, o inmoble, situado a carón dun centro educativo con máis de sesenta nenos e nenas, debería servir para actividades culturais, educativas e de ocio durante todo o ano. Porén, presenta un estado “lamentable” e carece dunha programación estable.
A portavoz socialista criticou tamén a situación do Centro Sociocomunitario da Balea, de recente construción e cun investimento superior ao millón de euros, que permanece pechado polas mañás e sen unha oferta continuada de actividades. “Non abonda con gastar cartos en obras se logo non se lles dá vida. A veciñanza precisa espazos vivos e útiles”, afirmou.
O Grupo Socialista reclama ao Concello a posta a punto inmediata das instalacións da Insua, a ampliación dos horarios de apertura —incluíndo as mañás na Balea— e a creación dun plan de dinamización con propostas culturais, educativas e deportivas para dar resposta ás necesidades da poboación de Caión e arredores.
Ramos concluíu asegurando que o PSOE fará seguimento da situación e levará esta demanda aos órganos municipais correspondentes para que o goberno local actúe “con urxencia”.




