Vigo pon a reciclaxe nas túas mans con 2.000 chaveiros feitos con téxtil recuperado
A cidade aposta pola economía circular con esta iniciativa

Modelos de chaveiros confeccionados a partir de textiles reciclados

O Concello de Vigo, en colaboración coa empresa FCC Medio Ambiente, lanzou unha orixinal iniciativa para concienciar sobre a importancia da reciclaxe téxtil. Repartiranse máis de 2.000 chaveiros feitos a man a partir de prendas de roupa usadas, recollidas nos contedores específicos da cidade.
Cada chaveiro, único na súa confección, é un símbolo do compromiso da cidadanía viguesa coa reutilización e o medio ambiente. Esta acción forma parte dunha estratexia máis ampla para darlle valor á roupa que moitas veces acaba esquecida nos armarios, destacando o labor que se realiza nos 307 contedores específicos distribuídos por toda a cidade.
Estes puntos de recollida permiten recuperar unhas 790 toneladas de roupa, calzado e complementos ao ano.
Unha segunda vida para a roupa
Toda a roupa recollida a través desta campaña é enviada aos centros de tratamento de Moda re- (Cáritas), onde se clasifica minuciosamente. As prendas en bo estado son reparadas e vendidas nas tendas sociais das dioceses de Tui-Vigo, Mondoñedo-Ferrol e Ourense, xerando emprego e ofrecendo axuda a persoas en situación vulnerable.
Aqueles téxtiles que non son aptos para a venda reciben unha segunda oportunidade en novos procesos:
- Fabricación de merchandising como os propios chaveiros
- Recuperación de fibras para a creación de tecidos técnicos
- Produción de trapos para uso profesional
Este modelo de economía circular non só cumpre coa Lei 7/2022 ao evitar que a roupa remate en vertedoiros, senón que tamén xera un impacto ambiental positivo. Por cada quilo de roupa reciclada, afórranse 3.040 litros de auga e evítanse 22 kg de emisións de CO₂.
Campaña a pé de rúa
Os chaveiros repartiranse durante diversas accións informativas nas rúas de Vigo. A cidadanía non só recibirá este orixinal agasallo, senón que tamén poderá coñecer de preto outros servizos de reciclaxe municipais, como o uso do contedor marrón para a materia orgánica ou a entrega de funís para a reciclaxe de aceite doméstico.
O calendario completo destas actividades pode consultarse na páxina web oficial vigoacidademaislimpa.com.




