"A explotación das mulleres e da natureza están intimamente ligadas": que é o ecofeminismo e por que cobra forza en Galicia
Dende o 'Nunca máis' ao 'Altri non', as maiores mobilizacións que se produciron no contexto galego teñen que ver coa defensa do territorio

"A explotación das mulleres e da natureza están intimamente ligadas": que é o ecofeminismo e por que cobra forza en Galicia
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Lugo
"A explotación das mulleres e a explotación da natureza están íntimamente ligadas", sostén Ana Torrón, voceira da Plataforma Feminista de Lugo. A través do ecofeminismo, "que está inventado dende hai moitas décadas", explica, abórdase "a defensa dos dereitos das mulleres coa defensa do medioambiente". Reivindica o respeto á muller e á terra, "o sostén que nos mantén a todos".
Adela Figueroa, máis coñecida como Curra, e Lucía Anido, Luchi, forman parte de ADEGA e levan este ideario á práctica. Ambas detectan que, nas últimas décadas, a "presenza das mulleres na loita medioambiental é moi potente".
"A loita da muller está xunto á loita pola terra, porque é a loita pola vida", manifesta Adela Figueroa. Cre que en Galicia especialmente "a figura da muller está fortemente vinculada á defensa do territorio", e considera que "cada vez máis". Non só se refire a que sexan moitas as mulleres implicadas na defensa do ecoloxismo e da terra, senón que "están implicadas, cada vez son máis visibles, están tomando alternativas".
Conta que viu a mulleres en manifestacións "dicirlles aos gardas civís: 'Cala ti, lambido, que eu dinche de comer cando eras pequeno'". Esta escea "sucede aquí porque somos unha sociedade moi agraria e unha cultura moi antiga instalada neste territorio que queremos tanto", apunta.
"A xente di que en Galicia somos moi conservadores, moi de dereitas, pero cando hai unha agresión á terra móntase o movemento 'Nunca máis', o 'Altri non', e agora cos incendios movilizámonos", argumenta: "Aquí a xente movilízase sobre todo na defensa do territorio".
A respecto das movilizacións xurdidas despois da vaga de incendios deste verán, no que arderon máis de 100.000 hectáreas de superficie forestal, Lucía Anido cre que demostrann que "o monte galego ten futuro", pero tamén que "para iso ten que haber un cambio de perspectiva".
Conciencia feminista do territorio
"Agora mesmo parece que todos os proxectos que se propoñen para o rural teñen que ser macros, coa xeracion de residuos que iso conleva", exemplifica, "pero se ese é o plan que temos para o rural non queda espazo para a vida". Cre que se debe apostar, pola contra, por "outros proxectos máis pequenos que poden afianzar a vida no rural, pola biodiversidade".
Para Adela Figueroa, a conciencia social sobre o territorio está "moi condicionada precisamente por esa deriva que levamos de buscar a urbanización masiva", é dicir, "colocar a xente nas cidades".
A desvinculación co medio rural, considera, "é unha das cuestións que máis nos ameazan", porque "se non estás en contacto coa terra non es capaz de percibir o dano que conlevan proxectos como Altri, porque mentres vaias ao supermercado e sigas encontrando cousas, sen ser conscientes de onde veñen, continuamos desligándonos do territorio".
A pesar de todo, Lucía cre que "cada vez somos máis conscientes". "Dámonos conta de que un xersei de nove euros ten detrás explotación infantil, normalmente de nenas, e tamén de onde acaba máis cedo que tarde", comenta. Isto "non é sinónimo de calidade de vida", sinala, así que "necesariamente estamos comezando a ser consicentes de que esta forma de consumir, de vivir, tampouco nos leva a vivir tan ben".
"É moi importante que as comunidades procuren a autoxestion", engade Adela Figueroa. "Non podemos esperar a que nos veñan quitar as castañas do lume, temos dereito de esixilo, pero tamen temos que ter as espaldas ben cubertas cunha capacidade de autodefensa", sentencia.




