O FIOT levanta o pano
Mañán mércores arranca unha nova edición nunha xornada centrada na regueifa


Carballo
O certame teatral por excelencia, o FIOT, arranca unha nova edición mañá mércores. Farao nunha xornada centrada no mundo da regueifa. Ás 17.30 horas, proxectarase o avance do documental ‘Ao son da regueifa’, de Undodez, que retrata o renacer desta arte de improvisación oral tan nosa para descubrir as voces que a manteñen viva na actualidade. Contra ás 18.00 horas, da man do Consello da Cultura Galega, terá lugar mesa redonda titulada "A arte do canto improvisado".
Os regueifeiros e especialistas neste xénero artístico Alejo Amoedo, Domingo Blanco, Lupe Blanco e Manuel Maseda participarán nesta sesión de análise e divulgación desta expresión cultural que consiste nunha disputa dialéctica a través do canto oral improvisado en verso, e que se caracteriza polo uso creativo do humor, da música e da crítica social. Bergantiños é rico nestas manifestacións, que en Carballo aínda se manteñen vivas.
Deste xeito, a regueifa protagoniza a tarde de apertura do FIOT34 este mércores 24 de setembro, como aperitivo da ambiciosa e inédita proposta escénica ‘Territorio Regueifa’, de Ainé Producións e coproducida polo FIOT e o CDG, espectáculo encargado de inaugurar o programa de sala do festival a vindeira semana, os días 3 e 4 de outubro, no Pazo da Cultura.
Tamén este mércores, ás 20.00h, no marco do FIOT, poderás asistir á inauguración das exposicións ‘Zoom FIOT’ e ‘Xesto’, de Noelia Paz, coa música en vivo da banda carballesa Quercus Blues.
Actividades de balde, abertas a todos os públicos.




