Denuncian unha agresión no centro de saúde de Carballo e reclaman máis medidas de protección
Un erro informático derivou nun episodio violento contra persoal de servizos xerais; a representación laboral pide presenza inmediata de seguridade e protocolos eficaces


A Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña–Cee denunciou publicamente unha nova agresión aos profesionais do centro de saúde de Carballo. O incidente produciuse despois dun erro informático no sistema de devolución de chamadas, que motivou a reacción violenta dun usuario contra o persoal de servizos xerais situado na entrada do centro.
O órgano de representación laboral advirte de que este caso se suma a unha “preocupante escalada de agresións” e alerta da falta de protección efectiva para o conxunto do persoal.
Lembran que o centro de Carballo atende unha poboación ampla, está afastado da cidade e presenta particularidades organizativas que fan “imprescindible” contar de inmediato cun servizo fixo de seguridade.
A Xunta de Persoal insiste tamén na necesidade de implantar dispositivos de aviso rápido que non se limiten aos ordenadores, para alertar en tempo real cando unha agresión está a piques de producirse, así como protocolos previos e posteriores que axuden a previr e a sancionar con rigor estes episodios.
Convocan unha concentración mañá, xoves 25 de setembro, ás 12.00 horas, diante do centro de saúde de Carballo para visibilizar a súa denuncia e reclamar á Xerencia a adopción urxente de medidas reais de protección.




