Evencio Ferrero renunciará á alcaldía e Daniel Pérez será o novo rexedor
O actual mandatario pon punto e final a 22 anos gobernando a capital de Bergantiños. Este sábado, nun pleno extraordinario, farase efectiva a súa saída

Daniel Pérez será o novo alcalde de Carballo

Carballo
Tal e como adiantou Radio Nordés Cadena SER, a de onte non ía ser nuha asemblea máis no BNG de Carballo. Sobre a mesa estaba o futuro do actual alcalde, Evencio Ferrero. A militancia debía decidir se, pensando xa na cita electoral de 2027, se producía unha remuda á fronte do concello e así foi. Evencio Ferrero presentou a súa renuncia e por unanimidade foi escollido o seu recambio. Daniel Pérez, actual deputado na cámara galega, tomará o relevo de Evencio Ferrero que abandoa a primeira liña tras 22 anos gobernando en Carballo.
A decisión non colleu a ninguén por sorpresa. Evencio Ferrero amosara en máis dunha ocasión a súa intención de non perpetuarse no cargo e os militantes acudiron á cita de onte sabendo que tocaba asumir unha difícil decisión. Dous nomes parecían estar nas quinielas dos militantes: Xosé Regueira, actual vicepresidente da Deputación da Coruña, e Daniel Pérez, deputado no Parlamento galego. Regueira, ausente na xuntanza de onte debido a compromisos co seu cargo na Deputación, non se postulou en ningún momento para encabezar a nova etapa. Neste escenario, a militancia decantouse por Daniel Pérez de xeito unánime.
Daniel Pérez López é un avogado laboralista que axiña sentiu inquietude pola política. Na súa etapa universitaria na facultade de Dereito de Santiago militou activamente nos CAF, movemento estudantil nacionalista, ao tempo que iniciaba a súa pertenza a Galiza Nova, organización xuvenil do BNG. Tras un breve paso pola política local de Coristanco, entrou en 2011 na coporación local de Carballo. Nas últimas eleccións concurriu no posto 5 e na actualidade desempeñaba o cargo de concelleiro de deportes. AO tempo, dende 2020 é deputado no Parlamento galego.
O cambio á fronte do concello está previsto que se leve a cabo nos vindeiros días. O sábado farase efectiva a renuncia de Evencio Ferrero e antes de 10 días deberase convocar o pleno apra que Daniel Pérez López sexa investido novo alcalde.




