Tui presenta a imaxe de marca do 800 aniversario da Consagración da Catedral
Este novo símbolo non só celebrará a historia, senón que tamén a proxectará cara ao futuro

Acto de presentación da imaxe de marca da Catedral de Tui polo 800 aniversario

O Concello de Tui desvelou este martes, no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, a identidade gráfica que abandeirará a conmemoración do 800 aniversario da consagración da súa emblemática Catedral. Un símbolo que non só celebrará a historia, senón que tamén a proxectará cara ao futuro.

Imaxe de marca da Catedral de Tui polo 800 aniversario

Imaxe de marca da Catedral de Tui polo 800 aniversario
A nova imaxe, deseñada pola empresa viguesa Anónimo Advertising, buscou condensar a esencia visual do monumento. A marca é o resultado dunha síntese equilibrada dos elementos máis distintivos da sé tudense, fusionando arquitectura, ornamentación e simbolismo.
Segundo explicou Ana Lozano, responsable da empresa de deseño, a inspiración provén directamente da fachada fortificada, o distintivo arco oxival da portada gótica e a rica decoración ornamental dos seus espazos. "É unha imaxe que busca condensar a esencia dunha das catedrais máis antigas de Galicia," sinalou Lozano, subliñando que se tratou de "respectar a súa historia pero sempre cun enfoque moderno e máis actual." Engadiu que o deseño está feito para ser "recoñecible por todos e todas" ao visualizar a marca.
Un símbolo para a Gran Celebración de 2026
Tanto o deán do Cabido da Catedral, José Dieguez Dieppa, como o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, destacaron a atractivo e a capacidade identificadora do resultado. Esta imaxe comezará a sinalar a actividade promovida arredor do aniversario dende o próximo 30 de novembro e ao longo de todo o ano 2026.
O rexedor tudense, Enrique Cabaleiro, avanzou ademais que a partir dos vindeiros días, a nova marca conmemorativa acompañará a marca corporativa do Concello de Tui en toda a súa documentación e imaxe. Un xesto co obxectivo de divulgar a singular importancia desta efeméride para a cidade.
Uso institucional e divulgación
O Concello tamén fixo saber que a marca, concibida para ser versátil nos distintos soportes comunicativos, poderá ser utilizada por entidades externas nas súas actividades. Con todo, para garantir a súa correcta aplicación e xestión, será obrigatorio solicitar previamente unha autorización por escrito ao consistorio.




