Política

Finalmente a Xunta amplía a capacidade do bus entre Fisterra e Cee tras anos de queixas das familias

O alumnado leva varios cursos indo de pé  no bus mentres a Xunta e a concesionaria se escudaban en que o vehículo estaba homologado

Arriva

Dende o luns 6 de outubro entrará en funcionamento un autobús de maior capacidade na liña que conecta Fisterra, Cee e A Coruña, e que pasa por concellos como Dumbría, Vimianzo ou Carballo. O cambio permitirá contar con máis prazas nas viaxes de maior demanda, como a saída das oito da mañá desde Fisterra.

Segundo a Xunta, a medida busca dar resposta ás necesidades de mobilidade do alumnado que cada día se despraza aos institutos da comarca, así como das persoas usuarias que utilizan esta conexión para chegar á cidade herculina. A decisión chega despois de varios anos de presións por parte sociedade fisterrá, insistindo de maneira reiterada que os buses ían completos e que moitos rapaces víanse na obriga de viaxar de pé a diario para ir a clase, poñendo en risco a súa seguridade por unha estrada onde os autobuses circulan a oitenta km/h.

Durante todo este tempo, a Xunta e a empresa concesionaria restaron importancia ás queixas escudándose en que o vehículo estaba homologado para levar parte dos pasaxeiros de pé e, polo tanto, cumpría coa normativa. Un argumento que nunca convenceu ás familias, que insistiron en que a situación era inasumible para un servizo público esencial.

O cambio de actitude da Administración autonómica coincide co cambio de goberno en Fisterra e a recuperación da alcaldía para o PP, o novo alcalde, Luis Insua, solicitou esta medida nada máis chegar ao cargo, algo que tamén fixera, sen éxito, a súa predecesora Áurea Domínguez de AV.

A saturación desta liña era especialmente evidente nas primeiras horas da mañá, coincidindo co desprazamento dos estudantes. Co novo vehículo, a Xunta asegura que se incrementará “de xeito significativo” a capacidade dispoñible, mellorando así a comodidade e a seguridade da viaxe.

Con esta ampliación, o Goberno galego da resposta a unha das reclamacións máis insistentes da comunidade educativa da Costa da Morte. Pero quedan outras deficiencias que solucionar no transporte colectivo da Comarca. ANPAs e partidos da oposición reclaman liñas para facilitar o trasporte do alumnado de secundaria para outros institutos como o de Vimianzo, Cee ou Baio dende Muxía ou Camariñas. Tamén se solicita dende o BNG no parlamento que se reforce a liña Coruña a Fisterra, onde os viaxeiros con destino a Carballo ou A Laracha son discriminados con respecto aos que realizan a viaxe completa, tendo que quedar na estación esperando ao seguinte bus aínda chegando con anterioridade á estación.