Vigo acolle a estrea española de O agente secreto, o filme que representará a Brasil nos Óscar
Do 7 ao 11 de outubro celébrase en Vigo Pontes, a mostra de cinema galego e lusófono que chega á súa quinta edición con novo nome
Wagner Moura e Kleber Mendonca / ANDREAS BECKER (EFE)
Vigo
Do 7 ao 11 de outubro Vigo convértese de novo na capital do cinema galego e lusófono coa quinta edición de Pontes. O ciclo, que ata agora se coñecía como Ponte coa Lusofonía, medra este ano en programación: serán 16 filmes, o dobre que en 2024, de Galicia, Portugal, Brasil e Moçambique; con cinco estreas en España e catro en Galicia. A entrada é de balde a todas as proxeccións.
A mostra propón unha viaxe pola cinematografía contemporánea de Galicia, Portugal, Brasil e Mozambique, proxectando filmes que veñen de pasar polos principais festivais internacionais. O obxectivo é tender pontes culturais a través do cinema e achegar ao público galego as novas narrativas que están a marcar a creación audiovisual nos países de lingua portuguesa.
O prato forte desta edición é a estrea nacional de O Agente secreto (2025), do director brasileiro Kleber Mendonça Filho, un dos grandes nomes do cinema mundial actual. O filme, elixido para representar a Brasil nos Óscar 2026, non chegará ás salas comerciais de España ata xaneiro, mais poderá verse por primeira vez dentro da programación do ciclo Pontes. O director brasileiro é recoñecido internacionalmente por títulos como Aquarius ou Bacurau e a súa nova obra chega avalada polo éxito no Festival de Cannes, onde foi premiada con Mellor director e Mellor Actor (Wagner Moura).
Ademais desta gran estrea, Pontes ofrecerá outros quince filmes durante cinco días: doce curtametraxes e tres longametraxes. O festival abrirase coa portuguesa A Bela América (2023), de António Ferreira, unha mestura de thriller e comedia negra coa campaña electoral como pano de fondo. Proxectarase tamén Prefiro condenarme (2024), documental de Margarita Ledo que conta a loita dunha muller condenada por adulterio contra a hipocrisía social na Galicia dos setenta; e O ancoradouro do tempo (2023), de Sol de Carvalho, que chega desde Mozambique cun relato sobre xustiza e memoria nun asilo situado nunha antiga cidade colonial.
Martes, 7 de outubro ás 19:00h | MARCO
- A Bela América (António Ferreira, Portugal, 2023) – Ficción. *Estrea en Galicia
Mércores, 8 de outubro ás 19:00 | Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo
- Bloque de curtas Ventura
- Cordão de prata (Getulio Ribeiro, Brasil, 2025) – Ficción. *Estrea en Galicia.
- Caly (Alcy Caluamba, Mozambique, 2024) – Ficción. *Estrea en España.
- Un can galego (Isis Acea, Galicia, 2025) – Ficción.
- Tempo de sorrir (Jonas Amarante, Portugal, 2025) – Documental. *Estrea en Galicia.
Xoves 9 de outubro ás 17:30h | MARCO
- Bloque de curtas Saudade
- Talvez o vento saiba seu nome (Alexis Müller & Duda Machado, Brasil, 2024) – Ficción. *Estrea en España.
- Ratiña (Alicia Úbeda, Galicia, 2025) – Ficción..
- Nur Sultan (Xoan Escudero, Galicia, 2025) – Documental. *Estrea en España.
- Silvio Modesto, confidências de um sambista (Lucas Fazzio, Brasil, 2024) – Documental. *Estrea en España.
- 19:00 – Prefiro condenarme (Margarita Ledo, Galicia, 2024) – Documental.
Venres 10 de outubro ás 19:00h | Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo
- O ancoradouro do tempo (Sol de Carvalho, Mozambique, 2023) – Ficción.*Estrea en Galicia.
Sábado 11 de outubro ás 17:30 | MARCO
- Bloque de curtas Lembranças
- Vândalos (Melchior Ferreira, Mozambique, 2024) – Ficción. *Estrea internacional.
- Recordos asolagados (David Vázquez, Galicia, 2024) – Documental.
- O Pássaro de Dentro (Laura Anahory, Portugal, 2024) – Animación. *Estrea en España.
- Curmán (Alejandro Jato, Portugal, 2025) – Ficción.
Sábado 11 de outubro ás 19:40 | Cines Tamberlick
- O Agente secreto (Kleber Mendonça Filho, Brasil, 2025) – Ficción. *Estrea en España.