Edugal abre as súas portas mostrando toda a oferta educativa de Galicia
Ata o venres prevense que centros de alumnos pasen polo recinto feiral para “disipar” dúbidas formativas a través de 69 stands


O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, xunto a outras autoridades provinciais e locais, participou hoxe na inauguración do 14º Salón da oferta de educación e formación de Galicia, Edugal, que se celebra desde hoxe ata o venres no recinto feiral de Pontevedra. A cita forma parte do calendario de feiras educativas Galicia Educa, co que o Goberno galego promove estes eventos, de tal forma que os centros educativos poidan organizar visitas do seu alumnado, ao tempo que se dan a coñecer as boas prácticas o ensino de toda a Comunidade. Segundo o conselleiro “citas coma esta son moi importantes para que o alumnado e os docentes conten cun escaparate onde amosar orgullosos o magnífico e innovador traballo que se realiza nas aulas galegas día a día”.
Conchi Pereiro, directora de Edugal explicou no magazine Hoy por Hoy Pontevedra que este ano a feira conta con 69 stand onde as tres universidades galegas, centros de formación profesional, centros privados e outras institucións públicas amosan as súas ofertas educativas para que os estudantes “elixan ben” a que dedicarse nun futuro. “Aquí temos ciencia, tecnoloxía, informática, mecánica, acuicultura, deseño, hostalaría... pasando por corpos públicos de defensa e seguridade ou intelixencia artificial”.
Pola súa banda a Consellería de Educación participa nesta 14ª edición de Edugal cunha ampla representación de centros educativos da contorna que imparten ensinanzas de Formación Profesional e de Ensinanzas Artísticas e para as persoas adultas. Situado xunto á entrada principal ao recinto, o espazo expositivo conta con 350 m² divididos nun stand central no que asesores e orientadores ofrecen información sobre a FP (oferta, acceso, saídas profesionais, acreditación de competencias, emprendemento, innovación, etc.) e espazos laterais nos que unha ducia de centros presentan a súa actividade e proxectos de innovación, da man dos seus docentes e alumnos.
En concreto, Edugal conta coa presenza dos centros integrados de FP Carlos Oroza, A Xunqueira e Montecelo (os tres de Pontevedra), A Granxa (Ponteareas), Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa), Manuel Antonio, Valentín Paz Andrade e Audiovisual (os tres de Vigo) e Cantería de Galicia (Poio). Tamén dos institutos A Xunqueira (Pontevedra), de Vilalonga (Sanxenxo), de Teis e Politécnico (os dous de Vigo), da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (Pontevedra), da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (Vigo) e da Escola de Adultos Río Lérez (Pontevedra).
Entre os proxectos presentados pódese ver un simulador forestal, un prototipo de vehículo eléctrico, diversas aplicacións da impresión 3D, produtos agrarios elaborados, viños, aceites... Tamén se organizan actividades para o alumnado visitante, como videoxogos educativos, talla de pedra, visualización de células a través de microscopio, etc. Ademais, ofrécense no salón showcookings e pases degustación, demostracións de peiteado e estilismo ou toma de tensión arterial, entre outros.
Paralelamente a Edugal 2025, no propio Recinto Feiral de Pontevedra tamén se celebra estes días a IV Feira FP PYME, Conexión Dual: Practica + Emprego organizada pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Esta feira ten como obxectivo relacionar o tecido produtivo empresarial da demarcación comarcal coa FP Dual, potenciando así a relación entre as empresas e os centros educativos, e conta con persoal da Xunta nas mesas redondas que se celebran dentro do seu programa.
Diego Rodríguez Rosales
Graduado en Periodismo por la Universidad de Valladolid. Estudió un máster en periodismo deportivo a...




