A Xunta inicia a rehabilitación dun inmoble na praza García Boente
Crearanse 5 vivendas de promoción pública

Visita da conselleira de Vivenda, Allegue, esta mañá a Ribadavia. / Cadena SER

Ribadavia.
A Xunta de Galicia vén de iniciar a rehabilitación dun inmoble na praza García Boente, cun investimento de 1,8 millóns de euros que permitirá crear 5 vivendas de promoción pública.
O alcalde, César Fernández, destaca o valor deste proxecto para o futuro da vila. “Queremos agradecer á Xunta de Galicia e, de maneira moi especial, á conselleira María Martínez Allegue, o seu compromiso constante con Ribadavia. Esta nova actuación é unha mostra máis do apoio decidido ao noso municipio e dun modelo de colaboración institucional que dá froitos reais e visibles”.
As obras enmárcanse no programa Rexurbe, que recupera edificios históricos para destinalos a alugueiro accesible, contribuíndo así a revitalizar o noso centro histórico.
“A rehabilitación deste inmoble é unha magnífica noticia. Suporá a recuperación dun edificio histórico e a creación de novas vivendas públicas que dinamizarán a vida no Casco Vello e ofrecerán oportunidades a quen quere vivir aquí”, engadiu o alcalde.




