O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra xa garda a declaración dos herdeiros de Castelao tras o seu achado por un funcionario
Foi cedido en “moi bo estado” polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra xusto no ano no que se conmemora o 75 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao


O expediente de declaración de herdeiros de Castelao, con data de 1972, xa é custodiado polo Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra tras ser cedido este xoves polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra. Un funcionario de auxilio xudicial, Pablo López, achou o documento hai dous meses, en agosto de 2025, mentres realizaba tarefas de organización no Arquivo Xudicial de Xestión. O achado foi unha “casualidade”, aínda que López dubidou nun primeiro momento en se era del polas numerosas ramificacións do apelido en Galicia e finalmente confirmou que pertencía ao Castelao que “todos coñecemos”.
Esta declaración é un documento xudicial que, no caso de que non haxa testamento, determina quen son as herdeiras; con todo, en ningún caso recolle unha listaxe de bens. A viúva Virxinia Pereira xa falecera, polo que as únicas beneficiarias do seu legado eran as irmás do escritor, Josefina e Joaquina Teresa Rodríguez. A directora do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, Carmen Corgo, valora o documento como un punto de partida na secuencia de herdanza dos bens de Castelao. O documento tramitouse en Pontevedra porque foi a última cidade española na que residiu Castelao antes do seu exilio, en 1936. Era unha información que xa se coñecía, aínda que o documento ten un gran valor histórico segundo explicounos Ernesto Vázquez Rey, presidente da Fundación Amigos do Museo, por ser o documento orixinal. No Arquivo Histórico Provincial, na súa sede no Paseo de Colón poderá ser consultado polos seus descendentes e unha vez que cumpra cen anos será de acceso ao público.
A Derradeira Lección do Mestre estará en Pontevedra entre xuño e xullo do próximo ano
Se todo vai segundo o previsto e non se produce ningunha demora, a obra de Castelao pintada no ano 45 en Bos Aires terá a súa próxima parada en Pontevedra. Segundo explicou esta mañá o vicepresidente provincial Rafa Domínguez, a Deputación atópase pendente da autorización do goberno arxentino e se non hai ningún contratempo, chegará a comezos do próximo verán no Museo de Pontevedra.
Mentres tanto, o Concello de Pontevedra publicaba as actividades restantes do Ano Castelao, que se clausurará o próximo 7 de xaneiro co aniversario do falecemento do rianxeiro. Son as actividades para o terceiro trimestre do Ano Castelao, con todo tipo de citas. O próximo 7 de novembro, practicamente todos os institutos de Pontevedra realizarán un roteiro polas rúas da cidade para lembrar a figura de Castelao. Un día despois, o Teatro Principal acollerá unha representación moi especial da obra ‘Vos lanuxes non deben namorarse”. O 14 e 15 de novembro haberá dúas xornadas sobre o exilio galego no Centro Social Gorgullón e o 18 de decembro, no Café Moderno, celebrarase unha lectura de textos de Castelao. O Ano Castelao concluirá o 7 de xaneiro, coincidindo co aniversario do falecemento do rianxeiro. Con todo, desde o Concello de Pontevedra informaron de que falta unha actividade por engadir á programación deste Ano Castelao.




