O PSdeG de Zas crea o Premio Isabel Suárez Amado para manter vivo o legado da histórica socialista
Sheila Rial anunciou o galardón durante a homenaxe celebrada na Casa do Pobo, nun acto emotivo que reuniu a veciñanza, familiares e compañeiros de partido


O PSdeG-PSOE de Zas impulsa o Premio Isabel Suárez Amado, unha nova distinción coa que a agrupación socialista local quere “seguir co seu legado e mantela sempre no recordo”, segundo explicou a secretaria xeral Sheila Rial durante o acto de homenaxe celebrado na Casa do Pobo do municipio.
Rial destacou que o premio, que levará o nome da que foi unha das figuras máis queridas e comprometidas coa vida social e política de Zas, se entregará anualmente a unha persoa que destaque “pola súa contribución á transformación do concello a través da cultura, o deporte, o asociacionismo, a política ou a tradición”.
O deseño do galardón simboliza tamén a esencia de Isabel Suárez Amado: unha “I” que representa o seu nome, a forza e o camiño andado, converténdose no talo dunha rosa, “símbolo da esperanza, do amor, da igualdade e da lealdade”, segundo explicou Rial.
Na súa primeira edición, o premio recaeu na propia Suárez Amado, “polo seu exemplo de compromiso, alegría e dedicación á comunidade”, sendo recollido pola súa nai Élida nun acto “respectuoso, afectuoso e emotivo”.
A homenaxe contou coa participación de representantes do PSdeG como Rosa Arcos (FADEMUR), Bernardo Fernández (secretario provincial), e os parlamentarios Silvia Longueira e Aitor Bouza, ademais de familiares, amigos e grupos locais como Sen Tempo Teatro e San Cremenzo.
Rial concluíu lembrando que o galardón se entregará cada outubro coincidindo co Día da Muller Rural, para “recoñecer o labor de quen, como Isabel, fixo da súa vida un exemplo de entrega e amor pola súa terra”.




