O PP ve “moi positivos” para a Costa da Morte uns orzamentos da Xunta que a oposición cualifica de “raquíticos” e “nefastos”
Os deputados da Costa da Morte fixeron valoración da proposta de Orzamentos da Xunta para o 2026


A Xunta de Galicia ven de publicar a proposta de Orzamento autonómico para o 2026, unhas contas que superan os 14 millóns de euros para toda Galicia
Para a Cota da Morte, das contas autonómicas, pode destacarse a partida destinada á ampliación da autovía qu ascende a oito millóns. Os deputados do PP Rubén Lorenzo e Paula Mouzo defenden estas contas e recordan que a esa cantidade hai que sumarlle outros 10 millóns comprometidos para o 2027 e 12 para o 2028, cualificando esta infraestrutura como “fundamental para vertebrar a nosa comarca”
Os deputados populares defenden a “clara aposta polo solo industrial” nas contas do goberno autonómico, destacando a ampliación do polígono Industrial de Bértoa cunha partida de 4,8 millóns de euros , coa previsión de inicio de obras no ano 2027, outros 626.000 para a creación do polígono industrial de Coristanco e 64.000 para o futuro polígono de Cabana.
Outros investimentos destacados por Mouzo e Lorenzo son os máis de 300.000 para evitar o risco de inundacións do Anllóns en Carballo e Ponteceso.
A continuación dos traballos de mellora da depuradora de Cee e Corcubión recibirá un millón de euros, mesma cantidade que a de Traba de Laxe.
Os portos da zona tamén aparecen no proxecto orzamentario da Xunta, Malpica, Carnota, Corme, Camariñas e Fisterra teñen previstas diferentes melloras con cargo á Xunta.
En materia de infraestruturas educativas destaca a rehabilitación integral do IES Alfredo Brañas, xa en obras, con 1,3 millóns para o exercicio 2026 e tamén se acometerá a reforma integral do CEIP O Areal de Camariñas, cun investimento previsto de 965.112 euros.
As Contas Galegas inclúen tamén un capítulo para a área sanitaria cunha dotación específica de 600.000 euros para a redacción do proxecto do CIS de Carballo e 326.000 para un novo mamógrafo do Hospital de Cee.
Por último os Orzamentos do 2026 gardan unha partida duns 370.000 para a restauración do Santuario da Virxe da Barca.
Dende a Oposición cualifican as contas publicadas pola Xunta como “raquíticas”, “decepcionantes”, “nefastos” ou “un desastre”. Tanto a deputada socialistas Patricia Iglesias como o nacionalista Óscar Insua critican unhas contas nas que a Xunta volve presentar partidas que logo non executa, como sucede cos oito millóns destinados á autovía que xa aparecían no orzamento deste ano.
Insisten en que o goberno de Rueda “volve esquecerse da Costa da Morte”. Destacan que siga sen haber proxectos para centros de día na comarca ou a falta de propostas de vivenda pública a exección dunha promoción en Carballo.




