Redondela prepárase para un Samaín de medo con obradoiros, Túnel do Terror e un gran desfile
A programación ten actividades de todos os estilos e, sobre todo, todas as idades

Presentación actividades Samaín en Redondela

O Concello de Redondela presentou hoxe un amplo programa de actividades de balde para celebrar o Samaín o vindeiro venres, 31 de outubro, véspera de Defuntos. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, foron as encargadas de dar a coñecer a programación no paseo do Pexegueiro.
Digna Rivas destacou que a xornada de festa contará con propostas pensadas para todos os públicos: nenos e nenas, mocidade e adultos. As actividades desenvolveranse en diferentes localizacións da vila, como o Multiúsos de Chapela, o Multiúsos da Xunqueira, o paseo do Pexegueiro e as rúas do centro.

Presentación actividades Samaín en Redondela

Presentación actividades Samaín en Redondela
Actividades para os máis pequenos
Os máis novos poderán gozar de dous obradoiros nos Multiúsos da Xunqueira e de Chapela, en horario de 17:00 a 20:00 horas.
O obradoiro "Fai a túa cabaza" permitirá aos participantes crear as súas propias cabazas de Samaín para levar para casa.
No obradoiro "Maquillaxe e tatuaxes de terror", maquilladores expertos axudarán aos pequenos artistas a transformarse en criaturas aterradoras.
Ademais, os establecementos de Redondela convidarán a caramelos aos visitantes grazas a unha cortesía do Concello.
A emoción do Túnel do Terror e o espectáculo na rúa
Para o público máis atrevido, o paseo do río Pexegueiro transformarase nun "Túnel do Terror".
Estará aberto dende as 18:30 até as 21:30 horas.
A concelleira Rita Pérez advertiu que se trata dunha experiencia "intensa", dirixida a público a partir dos 12 anos ou menores acompañados dun adulto.
Aconséllase levar unha lanterna para percorrer o túnel cheo de misterio, suspense e moitos sustos con personaxes e criaturas misteriosas.
As rúas do centro da vila acollerán o pasarrúas "Errantes" de Troula Animación, que se converterá nun gran escenario. Orcos, trolls e bestas desfilarán pola vila transportando nunha gaiola o "Orlok". O espectáculo contará con pirotecnia, fachos, fume e percusión para crear sensacións "terroríficas". A comitiva partirá da Praza de Ribadavia ás 19:30 horas.
Novidade: Rito Ancestral da Queimada
Como novidade na programación deste ano, a festa rematará co "Rito ancestral de queimada Belenus".
Terá lugar na Praza do Concello ás 20:30 horas.
O lume e a música, xunto con bruxos e meigas, servirán para invocar aos espíritos e librarse de todo mal a través desta cerimonia chea de paixón, sentimento e lume.
Todas as actividades programadas polo Concello de Redondela son de balde.




