A Xustiza anula o proxecto do parque eólico A Ruña III en Mazaricos por deficiencias na avaliación ambiental
O TSXG dá a razón á asociación Petón do Lobo e conclúe que o proxecto non avaliou o impacto sobre a Rede Natura nin os efectos sinérxicos co resto de instalacións


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dá a razón á asociación Petón do Lobo e conclúe que o proxecto non avaliou o impacto sobre a Rede Natura nin os efectos sinérxicos co resto de instalacións.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso contencioso-administrativo presentado pola asociación ecoloxista Petón do Lobo e anulou a autorización administrativa do parque eólico A Ruña III, promovido pola empresa Eurus Desarrollos Renovables SLU no concello coruñés de Mazaricos.
A sentenza, feita pública recentemente, considera que a declaración de impacto ambiental aprobada o 17 de xuño de 2022 non foi suficiente para garantir a protección dos espazos naturais nin para avaliar correctamente os efectos do proxecto sobre o territorio. O tribunal destaca tres razóns principais:primeiro, porque non se valorou o posible impacto sobre áreas próximas á Rede Natura 2000; segundo, porque non se analizaron as sinerxías co parque eólico “A Ruña II” nin coa liña eléctrica de evacuación, tramitada nun expediente separado; e terceiro, porque o máis axeitado sería unha avaliación ambiental conxunta que tivese en conta o conxunto das instalacións.
O fallo subliña que unha avaliación ambiental deficiente “non pode considerarse unha mera irregularidade”, senón unha causa de invalidez do procedemento, xa que impide cumprir o obxectivo fundamental deste trámite: garantir unha adecuada ponderación dos valores ambientais afectados.
A sala lembra ademais que non se suspendera cautelarmente a execución do proxecto, polo que se presume que o parque xa foi construído, pero aclara que a súa competencia limítase a anular as autorizacións outorgadas pola Xunta, sen entrar a determinar as consecuencias materiais desa anulación.
Tanto a Administración autonómica como a empresa promotora son condenadas ao pago das costas do proceso, cun límite de 1.500 euros cada unha. A resolución non é firme e pode ser recorrida en casación ante o Tribunal Supremo.
Con esta decisión, o TSXG volve poñer o foco sobre a necesidade de coordinación e rigor nas avaliacións ambientais dos proxectos eólicos en Galicia, especialmente cando afectan a zonas de alto valor ecolóxico como a Costa da Morte.




