Editorial Galaxia celebra 75 anos de historia cunha exposición itinerante: “Crear por vir”
Unha mostra que percorre a historia e o futuro da cultura galega

Xosé Soutullo, director xeral de Galaxia
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
A Coruña
A Fundación Luis Seoane da Coruña acolle, desde as 19:00 horas deste mércores, a inauguración da exposición “Crear por vir”, un proxecto itinerante que conmemora os 75 anos da Editorial Galaxia, entidade clave na defensa e difusión da lingua e da cultura galega. A mostra permanecerá aberta ata o 23 de novembro, antes de continuar o seu percorrido por outros puntos de Galicia.
A exposición, organizada en catro grandes bloques temáticos, propón unha viaxe pola historia da Galicia contemporánea, desde a posguerra ata a actualidade, a través da traxectoria dunha editorial que marcou xeracións enteiras.
Galaxia: 75 anos creando porvir para Galicia
Desde a súa fundación en 1950, en plena ditadura franquista, Editorial Galaxia naceu coa misión de protexer e promover a lingua galega nun tempo no que a cultura propia estaba ameazada. Tal e como explicou o director xeral da editorial, José Soutullo, durante a inauguración, “Galaxia tivo como obxectivo crear porvir para a cultura galega en tempos difíciles, e ese obxectivo segue a guiarnos hoxe”.
Durante as primeiras décadas, Galaxia enfrontouse á censura e ás limitacións do réxime, pero logrou consolidarse como referente intelectual e literario, publicando obras fundamentais para a literatura galega moderna. Eses primeiros 25 anos foron, nas palabras de Soutullo, “a primeira vitoria do proxecto”, ao garantir a supervivencia dunha voz cultural galega nun contexto adverso.
Da resistencia cultural á empresa consolidada
Coa chegada da democracia e da autonomía en 1981, Galaxia deixou de ser só un proxecto político-cultural para converterse nun axente cultural integral. Ademais da edición de libros, a editorial impulsa exposicións, actividades educativas e proxectos culturais para o público novo, adaptándose aos tempos e mantendo unha presenza activa no panorama cultural de Galicia.
Soutullo destacou que “ningunha empresa cultural galega chegou aos 75 anos como Galaxia”, e atribúe esa continuidade á capacidade de evolucionar xunto coa sociedade: “A Galicia de 2025 non se parece á de 1950, pero seguimos respondendo aos cambios e mantendo viva a nosa misión”.
Desafíos actuais e compromiso co galego
A pesar dos avances, o director xeral recoñeceu a preocupación polos datos recentes do Instituto Galego de Estatística, que amosan un descenso no uso social do galego. “Os datos son duros, pero non renunciamos á esperanza. Seguiremos apostando pola defensa da lingua e da cultura galega, porque o galego ten futuro”, afirmou Soutullo.
Esta mensaxe de esperanza e compromiso é precisamente o espírito que inspira o título da exposición: “Crear por vir”, un xogo de palabras que combina a creación, a continuidade e a proxección cara ao futuro.




