O subdelegado do Goberno destaca en Carballo o impulso do Plan EDIL con máis de 6,5 millóns de euros
Julio Abalde realiza a súa primeira visita institucional ao Concello e pon en valor o apoio do Goberno de España ao desenvolvemento urbano e social do municipio
O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, realizou este luns a súa primeira visita institucional ao Concello de Carballo, onde mantivo un encontro co novo alcalde, Daniel Pérez.
Durante a reunión, ambos representantes abordaron os principais proxectos e retos do municipio e puxeron en valor o impulso que supón o Plan EDIL do Goberno de España, a través do cal Carballo recibirá máis de 6,5 millóns de euros para actuacións de transformación urbana, social e ambiental.
Proxectos estratéxicos para o municipio
En concreto, o concello percibirá 6.547.727 euros, que financiarán o 60 % dun investimento total de 10,9 millóns de euros. Os fondos destinaranse a varios proxectos clave, entre eles a construción do edificio para entidades sociais, considerado prioritario polo novo goberno local, así como a creación do novo auditorio, a reforma da Praza do Concello e da casa consistorial e a habilitación do pulmón verde nas beiras do Rego da Balsa.
Abalde destacou que o Plan EDIL é “unha mostra clara do compromiso do Goberno coa cohesión territorial e co equilibrio entre o rural e o urbano”, e subliñou que as actuacións previstas “mellorarán a calidade de vida da cidadanía e a sustentabilidade dos municipios galegos”.
Un plan estatal de investimento récord
O Plan EDIL, financiado con fondos FEDER 2021-2027, destinou en Galicia un total de 176 millóns de euros a 54 concellos a través de 28 proxectos. No conxunto de España, a convocatoria mobiliza 1.774 millóns de euros en 242 proxectos, o que supón máis de 2.500 millóns de investimento público.
As axudas, xestionadas polo Ministerio de Facenda a través da Dirección Xeral de Fondos Europeos, asignáronse segundo criterios de cohesión territorial e concorrencia competitiva, priorizando as rexións menos desenvolvidas.