Remata a humanización no núcleo de Santa Ana, en Sandiás
O investimento asecendeu a 320.000 euros
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou o lugar
A Xunta vén de rematar as obras de humanización no núcleo de Santa Ana, en Sandiás, que supuxeron un investimento total de máis de 320.000€ e que se enmarcan no Plan Hurbe da Administración autonómica.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, achegáronse ata este núcleo ourensán para coñecer o resultado destas actuacións que se impulsaron ao abeiro do convenio entre a Xunta, que aportou o 70% do investimento, e o Concello de Sandiás, que achegou o 30% restante.
A intervención incluíu a renovación e soterrado dos servizos (electricidade, telecomunicacións e iluminación) e a reposición dos pavimentos que permiten contar cunhas rúas renovadas e accesibles.
Allegue destacou a importancia de apostar por estas intervencións que son as que melloran as contornas urbanas das vilas e contribúen a reforzar a calidade de vida dos veciños.
Puxo en valor o Plan Hurbe, que como neste caso posibilita a colaboración coas entidades locais para a execución de obras de mellora de contornos urbanos, de accesibilidade e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
Tamén salientou o obxectivo de asentar poboación no rural, para o que é fundamental que as persoas conten con servizos e equipamentos necesarios.




