SER na escola inicia nova temporada en Barbadás
O CEIP O Ruxidoiro é o primeiro centro en participar

Este martes 4 de novembro iniciaba a súa andaina o programa SER na escola, co que Radio Ourense Cadena SER quere achegar a emisión radiofónica ao alumnado. Nesta segunda edición, a iniciativa ábrese aos centros de toda a provincia, incluída a cidade de Ourense, e tamén aos institutos.
A primeira parada deste programa de radio rodante foi o CEIP O Ruxidoiro de Barbadás. Unha trintena de nenos e nenas de 5º de Primaria asistiron á estrea da nova temporada dende o salón de actos do colexio. O alumnado, ademais de acudir como público, foi partícipe dos contidos, opinando e achegando as súas inquedanzas sobre os temas abordados.
O programa contou coa actuación en directo de dous membros da Escola de Música Municipal de Barbadás, Carlos ao piano e Noa ao violín, e a intervención do seu director, Xoán Manuel Xil “Páxaro”. Na mesa estiveron tamén César Rodríguez Senra, da cooperativa Leirar na Leira, que leva a cabo accións de promoción do respecto e convivencia nas aulas coincidindo coa conmemoración esta semana do Día Internacional contra a Violencia e o Acoso Escolar. A rapazada falou da importancia de tratar ben aos demais e do aprendido durante as sesións de prevención do acoso escolar que reciben no centro.
O deporte foi outro dos asuntos abordados coa compañía de Ana Martínez Presas, árbitra de dezaseis anos e veciña de Barbadás, e do seu avó, José Antonio Presas, que tamén exerceu durante anos como árbitro. A cativada interveu para falar da súa experiencia deportiva e dos seus intereses neste campo.
Tamén participaron Anxo Outumuro, actor de Barbadás; Héctor Martínez, da asociación de activación do rural EmularT; o escultor Andrés Conde Balado, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Judith Fernández e a mestra de 5º curso e responsable da radio escolar, María Gamallo.
SER na escola é un programa de vocación educativa que dende o curso 2024-2025 desenvolve Radio Ourense Cadena SER en colaboración coa Xunta de Galicia.




