O XXIV Concurso Escolar de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís” do FIOT xa ten finalistas
Seis grupos de primaria e secundaria competirán este domingo, 9 de novembro, na gala final do certame, que se celebrará no Pazo da Cultura de Carballo cunha festa aberta ao público e premios valorados en 850 euros.


O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo xa ten finalistas para o XXIV Concurso Escolar de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís”. O xurado do certame escolleu seis grupos, tres da categoría de Infantil e Primaria e tres da de Secundaria, tras escoitar as gravacións realizadas nos estudos de Radio Nordés. As propostas seleccionadas destacan pola creatividade e a implicación dos centros educativos da comarca de Bergantiños.
Na primeira categoría competirán os grupos Xoaniña, do CEIP A Canosa-Rus, coa obra Arden os montes; Os Cristinatreiros, do CEIP A Cristina, con Medo me dá; e Os Chimpíns, do CPR Artai, con Axudando ao bosque. En Secundaria, os finalistas son Equipo Antimeta, do IES Eduardo Pondal, con O interrogatorio; Invisibles, do IES Monte Neme, con Ícaras; e Os Toxos, tamén do IES Monte Neme, coa peza Hai un punto que me doe.
A gala final celebrarase este domingo, 9 de novembro, ás 18.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo. Os grupos finalistas volverán interpretar as súas obras diante do público e do xurado, nun acto conducido por Brais Hortas, que tamén ofrecerá un espectáculo familiar. Ao remate, terá lugar unha chocolatada para todo o alumnado participante, arredor de 150 nenas e nenos. Os premios, valorados en 850 euros en libros e material didáctico grazas á colaboración da Libraría Brañas Verdes, recoñecerán o talento teatral da mocidade da comarca. A entrada será libre
Un total de 23 grupos de 12 centros educativos de Carballo, A Laracha, Laxe, Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños participaron neste 2025 no XXIV Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís do FIOT. O xurado preseleccionou 12 grupos para gozar da experiencia radiofónica nos estudios profesionais de Radio Nordés Cadena SER e, desta gravación, saíron os 6 finalistas nas dúas categorías agora anunciadas. As gravacións das 12 poderán escoitarse ao longo destas semanas no porgrama vivindo a Casta da Morte.




