Sociedad

Dende hoxe pódense retirar as entradas para “Función de noche” do ciclo Pioneiras dos Premios Feroz

As localidades gratuítas están dispoñibles desde hoxe para toda a cidadanía na Oficina de Turismo da Praza de España de Pontevedra

Dende hoxe xa se poden retirar as entradas para a proxección de Función de noche, aclamado documental de Josefina Molina, e incluída dentro do Ciclo Pioneiras da programación previa dos Premios Feroz en Pontevedra. As localidades gratuítas están dispoñibles desde hoxe para toda a cidadanía na Oficina de Turismo da Praza de España de Pontevedra. Esta proxección enmárcase na ampla programación de novembro dos Premios Feroz, marcada por un carácter feminista para achegar figuras e oficios esenciais do sector audiovisual que non sempre teñen visibilidade para o gran público, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller o día 25.

O mes de novembro estivo e estará centrado no ciclo Pioneiras, unha iniciativa que recoñece a directoras, guionistas e produtoras que son un referente. Todas as proxeccións do ciclo son de balde, previa retirada de localidades na Oficina de Turismo, cun máximo de 4 entradas por persoa.

Próximas citas imprescindibles:

• Xoves 20 de novembro (18:00h, Teatro Principal): Proxección de Función de noche de Josefina Molina. Este documental levou a autoficción a outro nivel. O coloquio posterior contará coa xornalista Concha Barral e Belén López (Diario de Pontevedra), que compartirán curiosidades das grandes divas do celuloide. Lémbrase que as entradas para esta sesión se poden retirar dende hoxe na Oficina de Turismo do Concello, no horario habitual.

• Luns 24 de novembro (18:00h, Teatro Principal): Proxección de El crimen de Cuenca, seguida dun coloquio coa súa guionista, Lola Salvador. Salvador é autora de guións imprescindibles e foi distinguida coa Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes (2011) e o Premio Nacional de Cinematografía (2014). Estará acompañada pola xornalista e cineasta Paula Cons.

Clases maxistrais e debates

Ademais do ciclo Pioneiras, a programación de novembro inclúe importantes actividades formativas e de debate, ademais da clase maxistral da figurinista Cristina Rodríguez.

• Mércores 19 de novembro (19:00h, Facultade de Deseño da UVigo en Pontevedra): Clase maxistral: Conversando sobre deseño de vestiario con Cristina Rodríguez. A deseñadora de vestiario de cine e TV, coñecida tamén como xurado do programa de televisión Cámbiame, compartirá a súa perspectiva profesional como estilista, o seu proceso creativo e a súa visión do sector. A entrada é libre ata completar aforo e non require retirada previa de entrada. Rodríguez estivo nomeada aos Goya en 7 ocasións e gañou un Premi de l'Audiovisual Valencià en 2019.

• Xoves 20 de novembro (10:00h, Aula de cine da Facultade de Comunicación): A Academia Galega do Audiovisual organiza a xornada ‘Procesos de escritura: guión, interpretación e montaxe’, para destacar o guión como ferramenta de diálogo entre distintos oficios. A entrada é de balde e non require retirada previa. A xornada incluirá dúas mesas de diálogo:

◦ 10:15 - 11:30h. Guión e interpretación: Con Victoria Teijeiro, Ledicia Sola, Fernando Tato e Paula Cons.

◦ 11:30 - 13:00h. Guión e a montaxe: Con Laura Piñeiro, Sandra Sánchez, Ángel Filgueira e Gaspar Broullón.

• Mércores 26 de novembro (19:00h, Casa da Luz): O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os Feroz organizan o encontro sobre xornalismo cultural ‘Informar sobre cinema’. Participarán María Guerra, presidenta da AICE; Ángel Suanzes (CSAG); e Andrea Villa, especializada en comunicación.

Ramón Mella

(Pontevedra, 1973) Locutor, redactor y jefe de...