Muxía, Vimianzo e Camariñas traballan para licitar conxuntamente o servizo de recollida do lixo
Javier Sar, comprometeuse no Pleno Aberto de Radio Nordés a ter solucionado o problema da traída de auga en Suxo antes de que remate o 2026 e recoñeceu que o PXOM non estará listo neste mandato
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Pleno Abreto co alcalde de Muxía, Javier Sar
O alcalde de Muxía, Javier Sar, estivo este mércores en Radio Nordés contestando ás preguntas de José Manuel Mira, da oposición municipal e dos oíntes do programa Vivindo a Costa da Morte. O alcalde referiuse á boa sintonía existente entre os partidos do goberno de coalición, así como co BNG, formación que apoiou a moción de censura pero non forma parte do executivo.
No balance de xestión, Sar repasou as obras en marcha e os proxectos a piques de iniciar con cargo ao POS da Deputación. Sobre o SAF, sinalou que a nova licitación incrementou ata 1800 o número de horas de prestación do servizo con redución do gasto. Un dos temas polémicos nos últimos meses é o servizo de limpeza e conserxería nos colexios, que este curso depende de persoal municipal pola falta de fondos específicos e a imposibilidade de utilizar o remanente, aínda que afirma que non houbo queixas por parte das ANPAS nin dos centros escolares.
En relación á situación económica municipal, destacou que o prazo medio de pago a provedores foi inferior a 30 días durante todo o ano e, no último trimestre, duns 10 días. O Concello dispón dun remanente de tesourería de 2,8 millóns de euros, aínda que a nova lei estatal limita o seu uso.
O problema da traída da auga segue sendo un dos retos de Muxía. Segundo Sar, xa se está elaborando un estudo, en colaboración coa mancomunidade, para mellorar o servizo. O primeiro paso será instalar contadores nos depósitos para calcular con exactitude as perdas de litros, e comprométese a ter solucionada a subministración en Suxo antes do final do 2026.
O rexedor amosouse partidario de mancomunar outros servizos e informou que Muxía, Camariñas e Vimianzo traballan para licitar de forma conxunta o servizo de recollida do lixo. Sobre o PXOM, confirmou que non estará aprobado nesta lexislatura, aínda que continúa o traballo xunto cos técnicos.
Por último, Sar abordou outras cuestións, como o Santuario da Barca e a relación coa Igrexa, defendendo reducir a aportación municipal á Romaría, así como a limpeza do Camiño dos Faros, tamén explicou os motivos polos que este ano non se puido ampliar a limpeza noutras zonas do concello.




