Convocada unha nova edición dos premios Xerais de Novela
O prazo remata o 1 de marzo de 2026

Premios Xerais | Europa Press

Vigo
Xerais convoca unha nova edición do Premio Xerais de Novela, o Premio Merlín de Literatura Infantil e o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Coa publicación das bases, o prazo para a entrega de orixinais queda aberto ata o 1 de marzo de 2026. Ata entón, poderán enviarse as obras candidatas ao local social de Xerais (rúa Doutor Marañón, 12, 36211, Vigo).
En 2026, o Premio Xerais acada a súa XLIII edición, mentres que o Premio Merlín de Literatura Infantil chega á XLI e o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil á XVIII.
Os xurados de cada categoría conformaranse tras a recepción das obras e os seus integrantes serán anunciados na primavera. Como é habitual, estarán formados por lectoras e lectores que non se dediquen de forma profesional á literatura. No mes de xuño celebraranse dúas xuntanzas para escoller as obras finalistas e as gañadoras dos tres premios, que serán anunciadas unha vez o xurado emita o seu veredicto. Xa no outono, despois do proceso de edición, terá lugar a Festa Xerais, na que se entregarán os premios cos tres libros publicados.
Cada un dos tres premios contempla a publicación das obras gañadoras nas coleccións de Narrativa, Merlín e Fóra de Xogo de Xerais. Ademais, terán unha dotación económica de 10.000 euros por categoría.
Calquera autor ou autora pode participar no premio sempre que presente o seu orixinal en lingua galega conforme á normativa vixente. Os textos teñen que ser inéditos na súa totalidade. Ademais, as persoas que xa gañasen algunha das sete edicións anteriores non poderán presentarse a esta.




